O BNG propón accións reais e urxentes para dinamizar o Porto de Vigo e convertelo no verdadeiro motor da cidade
“Volvemos trasladar a nosa posición firme e radical de que o tempo dos recheos na ría de Vigo rematou, non imos permitir nin unha agresión máis á ría”, expresou firmemente o candidato á alcaldía Xabier P. Igrexas
O BNG mantivo hoxe un encontro cos comités de empresa do Porto para trasladarlles as propostas da fronte nacionalista en materia portuaria. Nestas propostas o candidato á alcaldía Xabier P. Igrexas apostou polo desenvolvemento da PLISAN como Porto Seco ou a creación dunha Mesa do Porto que aglutine todas as voces implicadas dunha maneira ou doutra na actividade portuaria diaria, medidas todas elas recollidas xa no actual Programa Electoral.
Xabier P. Igrexas, candidato á alcaldía quixo comezar o encontro amosando o apoio e a solidariedade do BNG coa enorme precariedade laboral que se vive na autoridade portuaria coa chegada do actual presidente Enrique López Veiga diante dunha actuación claramente autoritaria “que en vez de desenvolver as súas tarefas como máximo responsábel desta institución o que está a facer é exercer un papel de azote, de castigo e de clara represión contra as persoas que exercen a representación sindical das traballadoras e dos traballadores”, denunciou.
Para o BNG o Porto de Vigo é un elemento estratéxico no desenvolvemento da cidade e por iso é o momento de reconciliar a Vigo co seu Porto: “Hai que integralo na cidade, tecendo espazos de diálogo, promovendo o máximo consenso cooperativo entre as distintas administracións”, propuxo o candidato nacionalista.
Pérez Igrexas ve primordial que o Porto encare os reptos que se lle presentan nos que a falta de entendemento está a lastrar as potencialidades que ten”. Nese sentido quixo trasladar o candidato á alcaldía o compromiso do Bloque nesta materia: “Volvemos a reiterar a nosa proposta de que Vigo ten que dotarse dunha Mesa Local do Porto onde estean representantes da Autoridade, da Xunta e do Concello mais tamén representantes de todos os sectores que fan parte da vida portuaria como a Universidade, as organizacións empresariais e sindicais e representantes tamén do tecido social”, expresou.
Igrexas explícao moi ben dicindo que “trátase de entender que o Porto é unha tarefa de cidade, de carácter metropolitano e o noso compromiso é desenvolver o Porto dende unha lóxica sustentábel, abrindo de verdade Vigo ao mar”, enfatizou. E como xa sucedeu hai uns días en Bouzas, volveu trasladar a posición radical e firme do BNG na que reiterou que “o tempo dos recheos na ría de Vigo rematou”, en alusión ao anuncio de novos aterramentos en Bouzas.
A PLISAN, máis que un aparcadoiro
Outra das apostas firmes do BNG é a que ten que ver coa PLISAN. Para o Bloque o desenvolvemento do Porto ten que ser a través dunha posta en marcha real e efectiva que a transforme nun verdadeiro porto seco e non por un aparcadoiro que é o que agora: “Ten que deixar de ser un simple ermo asfaltado para pasar a ser un espazo con servizos poñendo en marcha de maneira inminente a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas” propuxo Igrexas. “Lamentamos que nin o Concello de Vigo nin a actual Autoridade Portuaria teñan interese en desenvolver este tipo de proxectos beneficiosos para a nosa cidade pola súa falta de entendemento e a súa falta total e absoluta de cooperación”, rematou dicindo.