O BNG de Vigo oponse frontalmente ao proxecto de novo recheo de Bouzas e pide a súa cancelación

20190404_FT_RecheosRía
O candidato do Bloque xunto a membros da Plataforma en Defensa da Ría e Elsa Quintás, número tres da candidatura

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P.Igrexas, ve primordial que o Concello tamén se pronuncie e diga que “o tempo dos recheos xa rematou” e se poñan en marcha outros proxectos “máis urxentes” para potenciar o Porto como a conexión ferroviaria de Bouzas.

“Está inxustificado seguir gañándolle terreo á ría para aparcar coches cando parece que por fin van poñerse en marcha en semanas os 200.000 metros cadrados da Plisan que si reúnen as condicións óptimas para almacén de mercadorías”, dixo o candidato

O BNG de Vigo oponse frontalmente ao proxecto de novo recheo de Bouzas e pide a súa cancelación

O BNG de Vigo reuniuse esta mañá con representantes da Plataforma en Defensa da Ría para avaliar o anuncio de novos recheos por parte da Autoridade Portuaria que se pretenden levar a cabo na terminal de Bouzas. O candidato á alcaldía, Xabier P.Igrexas, que estivo acompañado pola candidata número 3, Elsa Quintas e o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, amosou a súa “oposición frontal” diante dunha decisión que considera “unha gravísima agresión medioambiental contra a ría” e unha decisión inxustificada e arbitraria que comprometería un “espazo natural de incalculábel valor”

O BNG valora así, xunto a Serxio Regueira, presidente da Plataforma en Defensa da Ría, o anuncio da Autoridade Portuaria de facer novos recheos: “Está inxustificado seguir gañándolle terreo ao mar para gañar superficie portuaria nun momento onde o Porto non conta nin cun plan especial nin con delimitación de usos”, recorda Igrexas. E engade que é  inxustificábel unha agresión medioambiental deste calado para ampliar unha área de aparcadoiro para vehículos “que é o que se pretende facer”.

O candidato á alcaldía di que é moi chocante ademais que este anuncio chegue precisamente nun momento onde se está poñendo en marcha, por fin, a plataforma loxística da Plisan en Salvaterra que estaba chamada a ser o porto seco de Vigo e onde se reúnen as condicións óptimas para almacenar mercadorías que non van ser trasladadas por mar no mesmo momento: “Que se queiran gañar 65 mil metros cadrados ao mar atentando novamente contra a ría cando en poucas semanas van estar dispoñibles 200 mil na Plisan, e que ese recheo se vaia financiar vendendo as parcelas das que é propietaria a Autoridade Portuaria na propia Plisa, parécenos unha absoluta tomadura de pelo”, denunciou.

Igrexas cuestionou abertamente a necesidade argumentada pola Autoridade Portuaria lembrando que no mellor dos casos a produción de vehículos na planta viguesa de PSA situarase arredor do medio millón de unidades, preto de 50 mil menos que no seu record histório. “Se daquela Bouzas era suficiente porque agora xa non?. Aliás, o candidato nacionalista puxo en dúbida a necesidade de maior profundidade de calado. “O Canal de Panamá ou o porto de Leixoes en Portugal, non precisan de 20 metros de profundidade pero Bouzas si?”, preguntouse denunciando que o calado é apenas “unha escusa para seguir a aterrar a  nosa Ría” e lembrando que a cidade xa lle gañou 3 millóns de metros cadrados ao mar.

“O tempo dos recheos rematou”

O BNG exixelle á Autoridade Portuaria que cancele o proceso de elaboración do proxecto de aterramento como mínimo ata que o Porto conte tanto cun plan especial como de delimitación de usos. Xabier P.Igrexas ve fundamental tamén que o Concello tome cartas no asunto e se implique defendendo a Ría. “Pedimos ao Goberno municipal que non se poña de perfil, que se pronuncie e que diga claramente que non se pode volver atentar contra a ría. O tempo dos recheos en Vigo xa pasou”, di o candidato da fronte nacionalista. O Bloque reitera, xa que logo, a súa posición de que calquera actuación ten que ir precedida dunha reordenación dos usos portuarios. “O Porto non pode ser nin un almacén, nin un polígono industrial sobre o mar”, remachan.

“Entendemos que hai que apostar polo desenvolvemento do Porto e as súas potencialidades pero para iso hai que facer outras actuacións que son moito máis urxentes e necesarias como asegurar a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas e poñer en marcha si ou si a saída sur de alta velocidade, non só de pasaxeiros senón tamén de mercadorías”, demandou. 

O BNG de Vigo oponse frontalmente ao proxecto de novo recheo de Bouzas e pide a súa cancelación