Mapa e compás

Mapa e compás

Se algo é imprescindíbel, na política como na vida, é a perspectiva. Avanzar esixe coñecermos o treito de camiño percorrido, tirarmos as debidas aprendizaxes del e ter fixado un horizonte. Un horizonte estratéxico que admite, e precisa, de metas volante. 

En toda andaina, e máis se se tratar do desenvolvemento dun proxecto político de alcance transformador como o que encarna o BNG, o mapa e o compás son instrumentos imprescindíbeis.

Mapa para non esquecer o andado. Sen memoria do camiño transitado non se pode acertar na folla de ruta para enfrontarmos, con éxito, o moito que queda por percorrer. Ter memoria non é instalarse no pasado senón evitar poñer o contador a cero en cada etapa e podermos ler con perspectiva histórica a marcha.

Por iso fronte aos relatos parciais da “benegoloxía” opinativa que pretende arrincar con desdén páxinas enteiras da nosa historia, caricaturizando procesos complexos como Amio, cómpre contrastar, coa (auto)crítica necesaria, a realidade material do noso pasado recente. 

A travesía do deserto aberta após aquela asemblea non foi superada con resistencialismo, mais si con resistencia e, se se quixer, con elevadas doses de resiliencia. Como atinadamente lembraba o compañeiro Guillerme Vázquez nun recente apuntamento, foi grazas ao compromiso incombustíbel de millares de mulleres e homes que logramos chegar até aquí. Das moitas e moitos que non se deixaron entrampar nos cantos de serea da confluencia e o seu efémero éxito electoral. Das que acreditaron na necesidade dun proxecto político definido desde o soberanismo e a esquerda, en favor da plena emancipación social e nacional do noso pobo. Da militancia que co seu traballo, a pesar dos moitos enterradores externos, revitalizou o BNG sacándoo das rochas nas que abrira augas e logrou colectivamente que volvese vogar vizoso.

O mapa desa dura viaxe aprendeunos a importancia de robustecer a nosa causa por abaixo, fortalecendo a base organizativa, apostando nunha intervención política para alén do institucional, a pé de rúa, a carón do pobo, acompañando e empurrando as moitas loitas sociais e causas que poden e deben converxer no horizonte que arelamos para Galiza.

Fixo tamén palpábeis os límites do traballo institucional mesmo desde o goberno, evidenciando que o pleno desenvolvemento dun proxecto que aspira á transformación da realidade non cabe nas costuras da institucionalidade autonómica e sistémica, senón que terá que forzalas desde dentro para lograr algo tan revolucionario como irrenunciábel: facermos posíbel o que é necesario. A xestión do posíbel pode significar algunhas mudanzas inmediatas, pero sempre parciais, precarias e facilmente reversíbeis.

 

Vemos nos últimos tempos moitas mensaxes e opinións a respeito de cara a onde, e de que maneira, debemos facer avanzar o proxecto nacionalista. Escoitar nunca sobra e cómpre facelo con atención e porosidade. No entanto, o xogo de pau e cenoria co BNG por parte dalgúns opinadores e medios é vello. Como vella é a antítese da súa lexítima liña editorial co proxecto emancipador que representa o BNG. Son, en moitos casos, os mesmos cantos de serea de sempre para enlear e tentar desviar o noso rumo.

Aceleremos a marcha todo o que poidamos, si. Fagámolo sorrindo, claro, pero tamén apertando dentes. Porque sen resistencia non hai velocidade que se sosteña.

De aí a importancia do compás. Para non perder de vista o norte. Para encamiñar todos os pasos tácticos, que esixen audacia e flexibilidade, nun trazado de medio e longo prazo. Ligando cada avance concreto co horizonte estratéxico. Sabendo, como sabemos pola moita experiencia acumulada, que en política non todos os camiños conducen a Roma,  e que os éxitos electorais, malia a súa innegábel importancia, non son un indicador correlativo do avance dun proxecto en termos de conciencia social, senón que obedecen a outros moitos factores, propios e alleos.

Neste sentido, sabendo que hai treitos nos que podemos e debemos sprintar, co obxectivo de atinxir unha meta concreta,  non podemos ignorar a dimensión maratoniana do que vai restar até lograrmos o obxectivo político de construírmos unha nación soberana e socialmente xusta, unha Galiza ceibe e popular.

Aceleremos a marcha todo o que poidamos, si. Fagámolo sorrindo, claro, pero tamén apertando dentes. Porque sen resistencia non hai velocidade que se sosteña.

Mapa e compás