O BNG de Vigo denuncia na Fiscalía e no Consello de Contas catro presuntos delitos no caso Guns N’ Roses

A fronte nacionalista traslada escritos para depurar responsabilidades ante as graves irregularidades, constatadas na sentenza do Contencioso-Administrativo, para o uso ilegal de 2 millóns de euros públicos
Ve indicios fundados de prevaricación administrativa, malversación, fraude nos procedementos contratuais e falsidade documental, que poderían sumar penas máximas de 50 anos de prisión e 18 de inhabilitación
Xabier P. Igrexas: “Un escándalo coma este non pode ficar impune e confiamos que estas actuacións permitan poñer luz onde Abel Caballero só puxo sombras até o momento”
O Bloque Nacionalista Galego vén de trasladar este xoves escritos de denuncia na Fiscalía de Vigo e no Consello de Contas de Galiza nos que apunta catro presuntos delitos no caso Guns N’ Roses. A fronte nacionalista busca asídepurar responsabilidades ante as graves irregularidades, constatadas na sentenza do Contencioso-Administrativo, polo intento de uso ilegal de 2 millóns de euros públicos e ante o silencio do Goberno de Abel Caballero neste “escándalo sen precedentes” na cidade.
“O Bloque desenvolvemos estas accións diante da negativa reiterada tantoa dar explicacións por estes feitos como de asumir ningún tipo de responsabilidade por parte do Goberno municipal”, defendeu o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, nunha comparecencia pública acompañado da concelleira nacionalista Ana Martínez, o edil FilipeAbalde e a deputada no Parlamento e responsábel local, Carmela González.
Igrexas asegurou que “o BNG non acredita na xudicialización da política”, mais considerou que os “gravísimos feitos” do caso Guns N’ Roses non poden quedar impunes. “Xa advertimos o Goberno localde que non ía marchar de rositas e que íamos exercer todas as accións que estiveran na nosa man de cara a depurar responsabilidades”, lembrou o voceiro nacionalista. “Ningunha maioría absoluta, por ampla que sexa, dá dereito a chalanear con 2 millóns de euros de diñeiro público, amañando un contrato dun presunto patrocinio publicitario”, censurou.
Dende a fronte nacionalista avanzaron que a Fiscalía de Vigo ten agora a obriga de atender o escrito e iniciar as dilixencias necesarias para investigar, dende o punto de vista penal, as responsabilidades que se poidan derivar deste escándalo que non se puideron resolver no proceso contencioso-administrativo, que vén de condenar ao Concello en primeira instancia ao pago de 2 millóns de euros polo concerto.
Penas máximas de 50 anos
Após unha análise pormenorizada, realizada co asesoramento dos servizos xurídicos do BNG e tamén de persoas especializadas na contratación pública, os escritos apuntan indicios fundados de catro posíbeis delitos na xestión irregular do caso Guns N’ Roses: prevaricación administrativa, malversación, fraude nos procedementos contratuais e falsidade documental. Ilícitos que poderían sumar en total penas máximas de 50 anos de prisión e 18 de inhabilitación para cargo público. “Estas penas dan conta da gravidade dos feitos que estamos a denunciar”, dixo Igrexas.
O Bloque trasladou tamén o caso ao Consello de Contas de Galiza como máximo órgano de fiscalización dasAdministracións Públicas galega, e por ser o ente competente para realizar unha fiscalización exhaustiva das posíbeis irregularidades na contratación pública. A ese respecto, o voceiro nacionalista sinalou eventuais responsabilidades patrimoniais das persoas que participaron nestes feitos, que poderían ter que responder co seu patrimonio ante o prexuízo millonario para o erario do Concello.
Lembraron nese sentido como a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo evidenciou varios feitos de especial gravidade, entre eles como o Goberno de Caballero convocou un falso concurso público para o patrocinio publicitario do concerto, por importe de case 2 millóns de euros de diñeiro público e cunhas bases a medida, cando levaba meses negociando os termos coa promotora.
Así quedou acreditado coa revelación por parte do BNG dunha carta de interese onde se comprometía esta cantidade, xunto con outras condicións, para a celebración do concerto e que motivou en boa medida a sentenza condenatoria contra o Concello de Vigo. “E tamén constatou como o Goberno de Caballero mentiu descaradamente”, engadiu Igrexas sobre o fallo xudicial.
‼️ O BNG denunciamos na Fiscalía de #Vigo 4️⃣ presuntos delitos no caso Guns N’ Roses 🎸
— BNG Vigo #VigoMáisAlá ✊🏼 (@bngvigo) March 28, 2025
O noso portavoz municipal @contradiscurso asegura que este escándalo sen precedentes non pode ficar impune pic.twitter.com/qwZVEODN1W