A factura do subministro eléctrico é un documento inintelixíbel para o común das consumidoras. No entanto, o recibo da luz estase a configurar como unha unidade de medida en si propia que permite comprender algunhas cuestións de enorme importancia.
O primeiro que nos revela é como un subministro básico, case que vital, como a electricidade para fogares e a actividade produtiva, tornouse nun gorentoso negocio privado. As grandes empresas do oligopolio eléctrico recibiron durante o ano 2020 quince millóns de euros diarios de beneficios. Só Iberdrola e Endesa incrementaron o pasado exercicio, en plena pandemia, os seus lucros por volta dun 36% totalizando 5 mil millóns de euros.
Grandes empresas transnacionais, como as citadas Endesa e Iberdrola, mais tamén Naturgy (a antiga Gas Natural-Fenosa), Hidrocantábrico e Viesgo, configuran a cerna dun cártel que foi auspiciado polas privatizacións acometidas no sector na década dos 80 do século XX, e alentado a eito polos sucesivos gobernos españois que lexislaron ao servizo dos seus intereses até o configurar nunha das principais pancas do Poder na sombra. Na outra cara da moeda o principal indicador é o preto do 8% dos fogares galegos que padece pobreza enerxética, con moitas familias traballadoras con importantes dificultades tendo que escoller ás veces, literalmente, entre cantas lavadoras facer ao longo da semana ou cantas horas ter prendida a calefacción.
O recibo da luz mide tamén de xeito claro e didáctico o que significa o espolio dos recursos por causa do marco de dependencia colonial que se lle impón ao noso País. Galiza somos un produtor neto de enerxía eléctrica, exportando por volta do 30% da que xeramos a outros territorios do Estado. Mais ese feito non só non se traduce en mellores condicións para o acceso a este subministro esencial, tanto para as familias como para as empresas, senón que temos que soportar un sistema tarifario que encarece o noso recibo a golpe de engadir peaxes e cargas do sistema eléctrico, que supoñen un 40% do custo da electricidade, ao que hai que sumar a imposición indirecta que engade outro 25%. Desta maneira, as galegas e galegos para alén de padecermos as consecuencias e o impacto de termos instaladas dúas centrais térmicas, máis de catro mil aeroxeradores e 155 centrais hidroeléctricas no noso territorio, vemos como a nosa capacidade de produción eléctrica é drenada en beneficio do grande capital monopolista do Estado.
Grandes empresas configuran a cerna dun cártel que foi auspiciado polas privatizacións acometidas no sector na década dos 80 do século XX
Mais acho que do que está a dar a medida o recibo da luz e a súa vertixinosa escalada de prezos, é da complicidade gobernamental con esta estafa que estrangula o conxunto do pobo e asfixia as camadas sociais máis desafavorecidas. A Xunta do PP, para variar, non está nin se lle espera. E nunha cuestión onde ten argumentos evidentes para urxir medidas concretas que rebaixen o prezo da electricidade facendo valer sermos territorio xerador, opta por se inhibir en favor dos intereses do oligopolio, para o agarimar como simbolizou a mítica aperta emocionada entre o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e o presidente Alberto Núñez Feixóo. E o autoproclamado Gobierno Más Progresista no Estado, de PSOE e Unidas Podemos, para alén da retórica e de medidas tan conxunturais como cosméticas, xa ten dado mostras reiteradas de non querer actuar con determinación para intervir no mercado eléctrico e, xa non digamos, para reverter inda que for parcialmente a súa privatización.
Mais fronte o fogo cruzado de propaganda e as cortinas de fume das dúas ás da Moncloa e o oportunista relato impotente de Monte Pío, a realidade é que hai alternativa. Con medidas concretas e factíbeis como as que está a defender o nacionalismo galego: reformar o “mercado” eléctrico e o seu sistema tarifario –reducindo tanto o IVE ao 4% e outros impostos e retirando peaxes impropias– e, o que é máis importante, dotando a Galiza dunha tarifa e dunha empresa pública de enerxía de seu, como primeiros pasos para poñer a electricidade ao servizo dos intereses do pobo e do País e non dos amos do oligopolio e dos seus vasalos das portas xiratorias.