III SEMANA DA PATRIA GALEGA EN VIGO

BNG e Galiza Nova inician na comarca de Vigo a súa campaña de actos previos ao Día da Patria

fotogz

_ A III edición da ‘Semana da Patria Galega en Vigo’ comeza a súa programación este domingo cunha visita guiada á Illa de San Simón.  
 

BNG e Galiza Nova inician na comarca de Vigo a súa campaña de actos previos ao Día da Patria

Dentro da campaña de celebración do Día da Patria Galega de 2018, o Bloque Nacionalista Galego ten previsto realizar un intenso programa de actos na comarca e moi especialmente na cidade de Vigo. 

A III edición da ‘Semana da Patria Galega en Vigo’, organizada conxuntamente por BNG e Galiza Nova, encetará este domingo cunha visita guiada  á Illa de San Simón dan man do deputado no Parlamento Galego, Luís Bará. A Illa de San Simón ten un valor cultural, histórico e natural extraordinario, ao que se suma o seu gran valor simbólico como espazo da memoria histórica galega por ter sido escenario da represión franquista entre 1936-1943, e por ter sido tamén un lugar de loita pola liberdade, de solidariedade e de resistencia democrática fronte ao fascismo. 

A esta actividade sumaranse a realización de actos tanto en Vigo como nos concellos da comarca. Estes actos consistirán en accións simbólico-reivindicativas, repartos na rúa animando á participación na manifestación do 25 de Xullo en Compostela, así como charlas ou encontros de confraternización.

Ademais este ano cúmprese o 50 aniversario desde que o nacionalismo retomase a celebración do Día da Patria, feito este que se conmemorará cunha proxección-coloquio en Vigo onde interverán persoas que participaron na mobilización de 1968 o vindeiro mércores 18 ás 20:00h na Libraría Andel.

Todas estas actividades coas que a formación nacionalista quere poñer en valor o carácter nacional en Galiza e apostar na autoestima colectiva como pobo, enmárcanse dentro da campaña nacional deste ano polo Día da Patria que, baixo o lema “Sumar por Galiza”, está a desenvolver o BNG por todas as comarcas do País.

_CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO:

Programa III Semana da Patria Galega en Vigo

BNG e Galiza Nova inician na comarca de Vigo a súa campaña de actos previos ao Día da Patria