O BNG desprega na comarca de Vigo a súa ofensiva social e institucional pola transferencia e rescate da AP9

bara01
Manuela Rodríguez, Manuel Caride, Luís Bará e Xavier Rodríguez

_O deputado Luís Bará xulga fundamental a xestión galega da autoestrada para poñer fin á estafa e o espolio que supón a actual concesión privada.

_A fronte nacionalista presentará unha moción nos concellos da bisbarra, realizará repartos informativos en todas as localidades e organizará un encontro aberto sobre o tema en Vigo.

_Demandan tamén a liberación de peaxes da AG57, a autoestrada do Val Miñor, para que esta poida funcionar como unha verdadeira circunvalación.

O BNG desprega na comarca de Vigo a súa ofensiva social e institucional pola transferencia e rescate da AP9

VIGO, 17 de novembro de 2016.- Acabar coa actual concesión privada que xestiona a AP9 para liberala das peaxes. Ese é o obxectivo sob o que o BNG vén de iniciar unha “ofensiva social e institucional” a nivel galego e que se desenvolverá tamén a nivel comarcal en Vigo. O deputado Luís Bará compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado polo responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride, a responsábel de organización comarcal, Manuela Rodríguez e o responsábel de acción institucional, Xavier Rodríguez. Desta maneira, o Bloque facía pública a campaña que veñen de poñer en marcha na comarca e que incluirá a presentación de mocións en todos os concellos, a realización de repartos informativos en todas as localidades e un encontro aberto en Vigo o próximo martes.

Bará xustificou a intensidade das iniciativas promovidas polo BNG asegurando que a AP9 é unha infraestrutura “fundamental para a vertebración do territorio e para a xestión da mobilidade no eixo atlántico”. O obxectivo das nacionalistas é lograren que a proposición de lei que foi aprobada na pasada primavera, por unanimidade, no Parlamento galego, sexa finalmente ratificada polo Parlamento español. A referida proposición reclama a transferencia da titularidade da AP9 en favor da Xunta de Galiza así como o rescate da súa actual concesión para a liberar das peaxes. 

O BNG reclama que o Estado transfira a AP9 á Xunta para rescatar a concesión privada e liberar a autoestrada das peaxes

A iniciativa unánime da cámara galega xa ten iniciado a súa tramitación no Congreso. A este respeito Bará alertou de que “o PP está a poñerlle atrancos á súa tramitación e o ministro de Fomento xa deixou claro a súa oposición”. O deputado nacionalista denunciou máis unha contradición no Partido Popular, que “vota unha cousa en Galiza para logo bloqueala en Madrid”. No entanto, a minoría parlamentar do PP en Madrid permitiría a súa aprobación se conta co apoio dos restantes grupos.

Por iso o BNG quere, con esta campaña, empurrar desde as institucións e a nivel social esta cuestión que xulgan “vital”. “A situación actual da AP9 é un exemplo de espolio de recursos polo tempo da concesión, que hai moito que está amortizada e que ten unhas peaxes abusivas que enriquecen a empresas foráneas e en nada benefician ao país”, explicou Bará. "É un exemplo de agravio ao país. Madrid pon atrancos á transferencia da AP9 e ao tempo quere rescatar as autoestradas radiais madrileñas e que se estima que lle van custar ao erario público máis de 6 mil millóns de euros”, acrecentou. 

Desde a  fronte nacionalista lembran, ademais, que a autoestrada do Atlántico ten “as peaxes máis caras do Estado” e que é “a que máis queixas recibe por mor da falla da mantemento e polas retencións que se producen”.

A preguntas das xornalistas a respeito dos custes económicos do rescate da concesión, Bará explicou que a iniciativa do Parlamento galego reclamaba que este fose financiado a cargo do Estado. Sobre as cifras concretas, o deputado nacionalista rexeitou a estimación realizada polo ministerio de Fomento de que os custes atinxirían os 3.200 millóns de euros. “Esa conta é resultado de que optan por facer unha multiplicación lineal até 2048 dos ingresos da concesionaria en 2015, que foi un ano moito máis favorábel que exercicios anteriores”.  "A non nos vale esa estimación, deberán ser os servizos técnicos da Xunta e do Ministerio quen calculen os custes reais que estarán por debaixo desa cifra que consideramos excesiva", defendeu, lembrando que no caso das autoestradas radiais madrileñas o ministerio, en troca, cifra o rescate das dúas primeiras en só mil millóns de euros. 

A voceira parlamentar do BNG, Ana Pontón, interpelará no próximo pleno do Parlamento galego ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo a respeito desta cuestión, reiterando a oferta de articular “unha fronte común de todas as forzas galegas” para facer posíbel a transferencia. Ademais, xa presentaron unha proposición non de lei con esta mesma finalidade.

Campaña comarcal

O responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride, explicou en que se vai concretar a campaña nacionalista na nosa comarca. Caride, detallou que a mesma inclúe diferentes actuacións tanto a nivel institucional e social. Entre as accións relatou que se realizarán repartos informativos en todas as localidades, e que o primeiro terá lugar no Calvario (Vigo) este sábado ás 12h. Ademais instalaranse faixas reivindicativas nas entradas e saída da AP9 exixindo a súa transferencia e a fin das peaxes, que atinxen a 20 mil usuarios/as diarios e que se traducen en ingresos de 300 mil euros por día para a concesionaria privada. Outras das accións programadas será a realización dun acto público, en formato de encontro aberto, que terá lugar o próximo martes, día 22,  na cidade de Vigo.  Por último, Caride anticipou que está prevista unha acción reivindicativa de carácter nacional que será anunciada nos próximos días.

No ámbito institucional, o Bloque presentará mocións nos concellos, nas que instarán ao goberno español a retirar a súa desconformidade coa proposición de lei aprobada unanimemente no Parlamento galego. Na moción demandarán tamén que se axilice a súa tramitación parlamentar no Congreso e o compromiso de todos os grupos para aprobala. Estas mocións na comarca de Vigo incorporarán ademais unha reivindicación adicional, como é o rescate e liberalización de peaxes da AG57, a autoestrada do Val Miñor. Unha medida indispensábel para deixar de penalizar economicamente a veciñanza deses concellos e que permitiría que a AG57 “funcione como unha verdadeira vía de circunvalación comarcal”, segundo explicou o responsábel comarcal de acción institucional do BNG e voceiro municipal en Nigrán, Xavier Rodríguez.

O BNG desprega na comarca de Vigo a súa ofensiva social e institucional pola transferencia e rescate da AP9