O BNG reclama que se abran seis novas escolas infantís públicas en Vigo

escola
  • O concelleiro electo, Xabier P. Igrexas, denuncia que 7 de cada 10 solicitudes pola mañá nas escolas infantís municipais fica sen praza e que son case 2 mil as crianzas en listas de agarda do Concello e Xunta. 
  • A fronte nacionalista demanda que o Concello de Vigo poña en marcha 3 novas escolas nos barrios de Teis, Balaídos e O Calvario, e que a Xunta abra outras 3 en Navia, As Travesas e Bouzas.
O BNG reclama que se abran seis novas escolas infantís públicas en Vigo

O BNG cualifica de “alarmantes” os datos de admisión provisional nas escolas infantís públicas da cidade de Vigo, que recollen que preto de 2 mil crianzas fican nas listas de agarda de Concello e Xunta ao non obteren praza. O concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, demandou que ambas as dúas administracións actúen con urxencia para alargar a oferta pública co obxectivo de universalizar o acceso á educación infantil de 0 a 3 anos.

Igrexas denunciou que “7 de cada 10 solicitudes de praza nas escolas infantís municipais, na quenda de mañá que é a máis demandada por facilitar a conciliación laboral, fican sen ela”, segundo se recolle nos datos publicados de admisión provisional. Especialmente grave é a situación na escola infantil municipal de Navia onde só obtiveron praza o 19% das solicitudes. 

O edil nacionalista criticou que nos últimos catro anos non se crease nin unha soa nova praza pública polo Concello de Vigo e lembrou que as escolas infantís de Navia e Mestre Goldar puideron ser abertas grazas ás emendas aos orzamentos que o voto decisivo do BNG no Pleno impuxera para garantir o financiamento necesario. Na actualidade o Concello só ofrece 307 prazas en horario de mañá para toda a cidade.

Seis novas escolas

Para resolver esta situación e atender “unha necesidade urxente e manifesta”, a fronte nacionalista demanda que o Concello inicie a elaboración dos proxectos para poñer en marcha tres novas escolas infantís municipais nos barrios de Teis, Balaídos e O Calvario. Asemade, esixen que a Xunta de Galiza acometa un esforzo equivalente abrindo outras tres escolas de titularidade autonómica en Navia,  AsTravesas e Bouzas.

O BNG reclama que se abran seis novas escolas infantís públicas en Vigo