Xabier P. Igrexas: “Caballero xa tirou a careta votando co PP para que Povisa siga facendo da saúde das viguesas e vigueses un negocio privado”

Xabier P. Igrexas no Pleno de Vigo
  • O concelleiro do BNG critica que PSOE e PP uniran os seus votos para tombar a moción que demandaba a absorción de Povisa polo Sergas, como reclama o Comité de Empresa e a plataforma SOS Sanidade Pública.
  • A fronte nacionalista tamén lles afea aos socialistas que se posicionasen co PP negándose a demandar unha intervención pública directa que asegure o futuro de Barreras e Vulcano.
  • O Bloque denuncia a súa exclusión do Consello Social da Cidade por unha decisión “antidemocrática e autoritaria” do alcalde, que deixou a 8500 viguesas e vigueses que votaron BNG sen voz no principal organismo consultivo do Concello de Vigo. 
Xabier P. Igrexas: “Caballero xa tirou a careta votando co PP para que Povisa siga facendo da saúde das viguesas e vigueses un negocio privado”

 O BNG de Vigo criticou a negativa do PSOE a apoiar a moción promovida pola fronte nacionalista na que se instaba a Xunta a declarar de interese público o hospital Povisa como primeiro paso para tomar o control do centro médico e incorporalo á rede pública do Sergas, como demandan tanto o Comité de Empresa como a plataforma SOS Sanidade Pública. No Pleno celebrado este mércores o PSOE sumou os seus votos aos do PP para tombar a moción do BNG. “No Pleno de onte quedamos retratadas todas as forzas políticas”, sinalou o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas. 

“Abel Caballero e o PSOE tiraron a careta e deixaron claro que a súa defensa da sanidade pública é de cara á galería. Porque cando hai que decidir entre que o Sergas absorba Povisa ou seguir permitindo que a familia Silveira, ou agora Centene Corporation, fagan negocio coa saúde das viguesas e os vigueses, o alcalde colócase do lado dos especuladores”, denunciou Igrexas. 

O voceiro nacionalista cualificou de “bochornosa” a posición defendida polo PSOE no debate plenario na que, segundo Igrexas, “defenderon con maior intensidade o concerto especial con Povisa que o propio Partido Popular”. “Causaba rubor escoitar a Carlos López Font dicir barbaridades como que non fai falla auditar as contas de Povisa, porque xa hai un informe do Consello de Contas, ou que as preto de 140 mil persoas adscritas a Povisa sono por libre decisión” asegura o edil nacionalista. Neste sentido, lembrou que o Informe do Consello de Contas ao que aludiu Font recolle precisamente que a contabilidade de Povisa é opaca e non aclara que uso fai a empresa dos 75 millóns de euros anuais que recibe do Sergas. “Queremos saber se Povisa está desviando eses fondos públicos para engordar o seu negocio privado, por iso é imprescindíbel a auditoría”, retrucou Igrexas.

Aliás, desde o BNG lembran que o concerto especial de Povisa non está motivado na “libre vontade das viguesas e vigueses”. “Font, Caballero e o PSOE saben que o concerto de Povisa é resultado directo do deseño que o PP fixo da área sanitaria de Vigo, cun hospital Álvaro Cunqueiro recortado e privatizado, co Meixoeiro desmantelado nun 40% e sen hospital comarcal no Morrazo. Por iso a actual rede pública non pode neste momento asumir esas cartillas e por iso se xustifica, desde a Xunta, ese concerto”. 

“O concerto especial de Povisa, que supón o 80% dos seus ingresos, existe porque o PP decidiu que esa empresa reciba cada ano máis de 75 millóns de euros ao ano. Así de claro”, remachou.

Naval

A formación nacionalista tamén criticou que PSOE e PP sumasen os seus votos para rexeitar unha moción promovida pola Marea de Vigo e emendada polo BNG, na que se recollían medidas concretas para asegurar o futuro do sector naval a través da intervención pública. “PSOE e PP acaban por coincidir por virarlle as costas a un sector estratéxico”, denuncian. Igrexas lamentou que o PSOE só se referise a Barreras esquecendo a situación de Vulcano, abocado ao seu feche. 

“Vemos que inda que están todo o día nesa lea partidista, nese eterno pim-pam-pum, entre o PP de Feixóo e o PSOE de Caballero hai máis coincidencias que diferenzas cando falamos de temas fundamentais como Povisa ou o futuro do naval”, afeou o portavoz municipal do Bloque. 

Exclusión do Consello Social da Cidade

Por outra parte, Xabier P. Igrexas denunciou esta tarde a decisión do alcalde de denegarlle o seu dereito como representante do BNG a participar na xuntanza do Consello Social da Cidade que se celebrou ás 17h de hoxe para abordar o proxecto de orzamentos municipais de 2020. 

“O BNG somos a única forza política das catro que temos representación no Concello que non podemos participar no máximo organismo consultivo do Concello”, denunciou. O edil nacionalista asegurou que a súa exclusión supón “deixar sen voz ás preto de 8.500 viguesas e vigueses que libre e democraticamente o fixeron concelleiro e que permitiron o regreso do BNG á Corporación Municipal o pasado 26M”. Unha decisión “gravemente antidemocrática” precisamente en relación a un organismo que debera ser un “espazo de participación, de diálogo, de intercambio de pareceres e sobre todo un espazo que represente a pluralidade e a diversidade da cidade”. 

Ademais, sinalan que a exclusión do Consello Social da Cidade é unha decisión “aberrante e disparatada” toda vez Igrexas si puido participar este mesmo luns da constitución do Consello Municipal da Lingua como vogal titular a pesar da súa condición de non adscrito. “A pregunta é: a que lle teme Abel Caballero? Por que ten tanto medo a que o BNG estea presente? Por que quere silenciarnos? Porque intenta colocarnos a mordaza?”, inquiriu.

Igrexas inscribe o que cualificou como “manobra antidemocrática” na “deriva autoritaria do Goberno municipal e no intento de laminar a representación do BNG”, facendo referencia á negativa a que o Bloque puidese constituír grupo municipal, coa súa designación “aberrante” como concelleiro non adscrito ou co recorte dos seus tempos de intervención no Pleno.

Por último, o portavoz nacionalista quixo enviarlle unha mensaxe “clara e contundente” ao rexedor: “ningunha artimaña antidemocrática e autoritaria vai lograr silenciar o BNG, porque quen decidiu que o Bloque estea no Concello foron as viguesas e os vigueses, e non lle imos consentir que siga tratando a esas 8.500 persoas que votaron BNG como viguesas e vigueses de segunda, son tan cidadáns e cidadás como os votantes do PSOE”. 

Xabier P. Igrexas: “Caballero xa tirou a careta votando co PP para que Povisa siga facendo da saúde das viguesas e vigueses un negocio privado”