O BNG urxe o Concello a acometer unha actuación integral na contorna do colexio ‘Picacho’
A fronte nacionalista demanda do Concello de Vigo que poña en marcha un plan de actuacións urxentes na zona para asegurar a seguridade e evitar a degradación urbana.
O BNG de Vigo súmase ao clamor veciñal e da comunidade educativa do CEIP Ramón y Cajal, ‘Picacho’, e volve urxir o goberno municipal a que actúe de maneira integral na súa contorna.
O responsábel local do BNG, Serafín Otero, mantivo nos últimos días encontros coa comunidade educativa, realizando unha visita ao centro e as súas inmediacións. A fronte nacionalista entende que reparar o grao de degradación na que se atopa a zona exixe dun “plan de actuacións urxentes” que con carácter integral responda ás necesidades en materia de seguridade, limpeza e revitalización urbana.
Neste sentido, xulgan necesario alargar os mecanismos de intervención socioeducativa e a mellora do funcionamento do albergue municipal, un reforzamento dos dispositivos de seguridade cidadá e unha humanización efectiva da contorna e que inclúa tamén melloras no transporte e na oferta dotacional e de servizos.
“A raíz de todos os problemas que se veñen rexistrando está no total abandono desta zona por parte do Concello”, denuncia Otero. “É inxustificábel que o único que teña feito o Goberno municipal sexa habilitar unha segunda entrada ao colexio, que ademais non reúne as garantías de accesibilidade, pechando os ollos ao que sucede na súa contorna”, acrecenta.
O dirixente nacionalista carga ademais contra os recortes en política social aplicados polo Concello. “Cando se fechan programas como Sereos e se reduce ao mínimo a capacidade de intervención dos servizos sociais municipais, colapsados por falta de medios, favorécese a existencia de guetos e espazos de marxinalidade”, afirma.