O BNG valora como un “éxito político” recuperar a presenza no Concello de Vigo e proponse seguir gañando apoio social

resul
  • O Consello Local da fronte nacionalista valorou moi positivamente os resultados do 26M, onde foron a única forza política alternativa ao actual Goberno que incrementou o número de apoios.
  • O Bloque foi terceira forza política no distrito 8 e en case un terzo das mesas electorais de toda a cidade, e recolleu un importante apoio na zona centro polo “impulso da mocidade”.
  • Para o concelleiro electo, Xabier P. Igrexas, o 26M supón “un excelente punto de partida” para continuar a reforzar o proxecto nacionalista na principal cidade de Galiza.
O BNG valora como un “éxito político” recuperar a presenza no Concello de Vigo e proponse seguir gañando apoio social

O Consello Local do BNG de Vigo reuniuse a última hora da tarde de onte para avaliar os resultados electorais do pasado 26M. O máximo organismo de dirección local da fronte nacionalista valorou como un “éxito político” o resultado acadado e que se traduciu na recuperación da presenza na Corporación Municipal, cun concelleiro, após catro anos sen representación. “Este resultado supón que o nacionalismo galego recupera a presenza no Concello da principal cidade de Galiza”, explicou o concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas.

“Preto de 8.500 viguesas e vigueses apostaron nun proxecto aberto, ilusionante e de futuro, con alternativas concretas fronte ao permanente pim-pam-pum e a incapacidade manifesta do actual goberno municipal para atender os problemas reais da cidade, das viguesas e dos vigueses e dos seus barrios e parroquias”, valorizou  edil nacionalista.

O Consello Local salientou o feito de que o BNG se colocase de novo como terceira forza, só por detrás de PSOE e PP, no distrito electoral 8 e en case un terzo de mesas electorais da cidade (109). Aliás, a evolución rexistrada na zona centro (distrito 1) onde o BNG superou en aproximadamente 1 de cada 3 mesas 10% de apoios, confirma para as nacionalistas que están a recoller “un importante apoio da mocidade”.

O Bloque foi a única forza alternativa ao actual goberno que aumentou en votos, porcentaxe e representación.“Este resultado, que permite que volvamos ter voz e voto no Pleno, é para o Bloque un excelente punto de partida desde o que seguir traballando para consolidar o espazo político do BNG, para seguir sumando en positivo a máis viguesas e vigueses a un proxecto de cidade que ten os problemas reais da cidadanía no centro da súa proposta”, apuntou.

Complicidade social

Diante dunha “maioría tan absoluta” como a recollida polo PSOE de Abel Caballero, o BNG procurará “tecer complicidades fóra da corporación, a nivel social”. Neste sentido, Igrexas asegura que a formación nacionalista vai realizar “un intenso traballo a pé de rúa, de pateo de barrios e parroquias e cun contacto permanente co tecido asociativo da cidade”.

“A acta de concelleiro que vou exercer no Pleno vai ser tamén un asento ao servizo de toda a veciñanza que non tivo voz nos últimos catro anos, e ao servizo dos movementos sociais que padeceron unha política claramente autoritaria que pretende afogar a quen discrepa”, acrecentou.

Reforzo organizativo

De cara a poñer en común a valoración dos resultados e para colectivizar a definición das liñas de actuación do BNG para as vindeiras semanas e meses, a próxima semana realizarán unha Asemblea Local Aberta, con militancia pero tamén coas “moitas persoas simpatizantes que se teñen achegado ao BNG e que desenvolveron un intenso traballo durante a campaña electoral”.

Nesa asemblea, Igrexas anunciou que se proporán algunhas medidas para reforzar organizativamente o BNG, tanto a nivel da súa estrutura territorial nos barrios e parroquias como a nivel xeral “para facer valer a nosa presenza no Concello coa maior intensidade e co maior traballo posíbel”. “A nosa determinación é que o concelleiro do BNG sexa un concelleiro útil ao conxunto da veciñanza de Vigo”, remachou.

O BNG valora como un “éxito político” recuperar a presenza no Concello de Vigo e proponse seguir gañando apoio social