Ana Pontón: “O BNG temos o grupo galego forte ao alcance da man”

Breogán Rioobo, Helena Miguélez, Alexandra Fernández, Ana Pontón, Carme da Silva, Su Garrido Pombo, Henrique del Bosque e Carmen Santos
Breogán Riobóo, Helena Miguélez, Alexandra Fernández, Ana Pontón, Carme da Silva, Su Garrido Pombo, Henrique del Bosque e Carmen Santos

Destaca que o BNG dispútalle escanos ao PP en todas as provincias e apela á mobilización do voto rebelde e de País: “A vosa papeleta é a do BNG”

Acto de apoio de persoas que sen ser militantes apostan por unha forza  coas mans libres, como Carmen Santos, Breogán Riobó, Su Garrido, Helena Miguélez ou Henrique del Bosque

Da Silva comprométese a traballar “sen tutelas nin submisións” exercendo de galega no Congreso para lograr avances que beneficien á maioría social

Ana Pontón: “O BNG temos o grupo galego forte ao alcance da man”

A portavoz nacional,  Ana Pontón, participou en Vigo nun acto de apoio á candidatura do BNG no que participaron persoas que sen ser militantes nacionalistas consideran que Galiza precisa ter no Congreso un grupo galego forte coas mans libres, a diferenza das forzas estatais que actúan como sucursais ás ordes das direccións madrileñas.

Un acto no que xunto a Pontón, a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, e a deputada Alexandra Fernández, expresaron o seu apoio a un grupo galego forte Helena Miguélez, Breogán Riobóo, Su Garrido, Henrique del Bosque ou Carmen Santos, cuxo apoio agradeceu a líder do Bloque.

“Compartimos unha valoración: que o BNG é a única forza coas mans libres para defender Galiza fronte as forzas estatais, todas e cada unha,  que levan anos alternándose na discriminación a este País e que intercambian ese papel en función de quen se sente na Moncloa e que din unha cousa aquí e fan a contraria en Madrid”, declarou Pontón, deixando claro que é posible ter esa representación forte na Cámara baixa.

“Temos o grupo galego forte ao alcance da man”, subliñou, “e estámoslle disputando ao PP escanos nas catro provincias”, tamén en Lugo e en Ourense, onde é posible facer historia e ganarlle á dereita un deputado e unha deputada que sitúe á Galiza interior na axenda do Estado”. Para iso, apelou a concentrar no BNG todo o voto “rebelde, inconformista e de país”, sabendo que a papeleta Bloque vale dobre: para “empoderar” Galiza en Madrid e para frear a un PP de Feijóo cada vez máis ultra.

“Se toda as persoas que votaron BNG nas galegas nos apoian este 23 de xullo, Galiza terá grupo galego forte; se todas as persoas que votaron BNG nas municipais nos apoian este 23X, Galiza terá grupo galego forte, así que fagámolo posible”, apelou, ao tempo que destacaba que non é momento de votar por medo ou polo mal menor, “senón con forza, con ilusión para facer valer Galiza en Madrid”

Pontón ironizou sobre as forzas estatais que só ven Galiza como un “caladoiro de votos” e que agora veñen dar leccións de “voto útil”. “Que non nos confundan os contos das forzas centralistas que só ven Galiza como un caladoiro de votos. Aquí a alternativa real ao PP é o BNG, cada escano máis do Bloque é un menos para Feijóo e, falando de utilidade, demostramos que un deputado nacionalista foi máis útil para os galegos e as galegas que os 22 restantes”, manifestou.

Pontón indicou que os datos internos que manexa a organización confirman que o Bloque está indo “a máis” ao longo desta campaña e que está  decantando voto indeciso, o que fai posible un grupo galego forte que será decisivo para conformar o futuro Goberno do Estado, sabendo que nun escenario sen maioría absoluta, cada voto conta.

A portavoz nacional fixo un chamamento á xente moza, a que se mobilice para defender unha Galiza “na que poidan ter futuro, unha Galiza verde que loita contra o cambio climático, unha Galiza diversa, plural, inclusiva”. A toda esa mocidade que quere vivir nunha Galiza mellor, nun planeta mellor, “confiade no BNG este 23 de xullo”, díxolles.

Apelou igualmente ás mulleres, que xa coñecen as políticas do Feijóo “que recortou as axudas ás vítimas de violencia machista e agora vai de ganchete coa extrema dereita negacionista” “Pídolle ás galegas que voten BNG porque é a mellor maneira de quitarlle escanos ao PP e de seguir avanzando nunha Galiza feminista, de mulleres libres e iguais”, concluíu.

Ser galega e exercer de galega en Madrid

Pola súa banda, a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, destacou que o grupo de persoas que amosou hoxe o seu apoio ao BNG en Vigo de cara ao 23X “representa a viveza da sociedade galega”. Son persoas, subliñou, que demostran confianza e compromiso co pobo galego e que acreditan nas potencialidades de Galiza, e que saben “que só desde nós propios, sen dependencias, sen submisións, podemos construír un país vivo, dinámico e con futuro”.

A candidata do Bloque considerou que “non abonda con ser galega” para defender o País en Madrid, senón que “hai que exercer como tal”, ao que se comprometeu para afrontar retos como a crise de prezos, a emerxencia climática, a descarbonización da economía, o acceso á vivenda ou o avance nos dereitos sociais e laborais.  

O grupo galego forte do Bloque traballará no Congreso “arreo, sen tutelas nin submisións, para facer avanzar o país con políticas transformadoras en beneficio da maioría social”, expuxo Da Silva, que animou a acudir ás urnas o domingo “pensando nesa Galiza coa que soñamos: orgullosa do noso, libre, feminista, inclusiva, diversa, con dereitos, con oportunidades”.

Ana Pontón: “O BNG temos o grupo galego forte ao alcance da man”