O BNG desminte o Goberno de Caballero: si existía un preacordo coa promotora de Guns N’ Roses
A fronte nacionalista desvela que a carta de interese enviada polo Concello en outubro de 2022, que o portavoz do PSOE asegurou que era un documento xenérico, comprometía unha achega económica de 1,8 millóns de euros similar á que se ía licitar no frustrado contrato de patrocinio
Promove a convocatoria dun Pleno extraordinario para que o alcalde aclare “dunha vez por todas as dúbidas sobre as numerosas irregularidades” que envolven o caso
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero a través do seu emisario Carlos Font mentiu descaradamente a todas as viguesas e vigueses, sen esta carta de interese o concerto non se tería celebrado”
O Bloque Nacionalista Galego desminte o Goberno de Caballero sobre o concerto de Guns N’ Roses e desvela que si existía un preacordo coa promotora. Así o desvelou este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que fixo público o contido da carta de interese enviada polo Concello en outubro de 2022 a Sweet Nocturna. Un documento que contén información detallada sobre o concerto e recolle unha achega económica de 1,8 millóns de euros similar á que se quixo licitar meses despois no frustrado contrato de patrocinio, malia as declaracións recentes do voceiro do PSOE, Carlos Font, negando ningún compromiso e asegurando que se trataba dunha carta xenérica.
“O tenor literal desa carta, asinada polo concelleiro delegado de Festas, deixa en evidencia o descaro co que o señor Font, por instrucción do alcalde, pretendeu enganar as viguesas e vigueses”, cuestionou Igrexas, que asegurou que a carta de interese ten “todos os elementos dun preacordo”, no que se explicitan tanto o obxecto do mesmo como dos compromisos por parte do Concello de Vigo e que foi incorporado nun expediente municipal o 23 de xuño tras a reclamación administrativa da propia promotora para esixir o pago.
“É a proba irrefutábel do chalaneo que levan semanas negando”, denunciou o portavoz nacionalista, en relación aos continuados intentos do Goberno municipal de “ocultar” este caso que agora saen á luz pola acción política do BNG. “Este chalaneo non é só absolutamente irregular en termos administrativos, tamén carece de calquera encaixe legal na medida en que traslada a vontade de destinar 1,8 millóns de euros de maneira directa a unha empresa privada, fóra de calquera formato de licitación pública”, reprochou.
Nese sentido, Igrexas asegurou que esta nova información confirma que a licitación do patrocinio publicitario para o concerto foi unha “farsa para encubrir” este preacordo, tal como xa apuntaban “con claridade as bases a medida” da licitación. “É claro que sen esta carta de interese o concerto de Guns N’ Roses non se tería celebrado”, subliñou.
Diante da “colosal gravidade política” destes feitos, o voceiro do BNG anunciou que van promover a convocatoria dun Pleno Extraordinario para que o alcalde, como máximo responsábel municipal, dea explicacións, aclare as numerosas irregularidades do caso e se depuren responsabilidades políticas. “Para alén das consecuencias administrativas ou xurídicas, Abel Caballero ten que deixar de esconderse”, remachou.
En relación as advertencias formuladas polo portavoz socialista sobre o deber de reserva coa documentación municipal, Igrexas afirmou que “as ameazas non van amordazar” o seu traballo de oposición para poñer transparencia fronte á “opacidade” na que o Goberno de Caballero quere manter este caso.