GALEGAS 2020
Bará asegura as expectativas do BNG para acadar un cambio de goberno da man de Ana Pontón o 12X “son máximas”
O cabeza de lista pide en Vigo a mobilización do voto urbano, da xente moza e descontenta
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, aproveitou hoxe o acto coas persoas interventoras e apoderadas do vindeiro 12X en Vigo para asegurar que o cambio galego é posible se hai unha mobilización masiva nas urnas do voto urbano e da xente moza e descontenta para abrir un tempo novo da man dun Goberno liderado polo BNG de Ana Pontón.
Bará destacou a súa confianza nas posibilidades que ten o Bloque de obter un gran resultado o 12X e poder cambiar o rumbo do país e poder escribir unha páxina na historia, facendo que por primeira vez Galiza teña unha muller e unha nacionalista presidenta. “Temos a oportunidade de que entre aire fresco na Xunta”, afirmou, destacando que o resultado das eleccións do vindeiro 12X está aberto. “Hai partido e todas as enquisas coinciden a tendencia da subida imparable do BNG e na figura de Ana Pontón como líder alternativa ao Partido Popular”, subliñou.
O cabeza de cartel destacou, acompañado da tamén candidata Alexandra Fernández, que as expectativas do BNG son as máximas e que a forza nacionalista vai nestas eleccións “a por todas”. Insistiu en que hai unha corrente de fondo dun grande cambio sociolóxico e político en Galiza que está representado polo alto apoio que ten o BNG na poboación máis nova, cunha expectativa de voto de máis do 40% na poboación de menos de 35 anos.
Con estas perspectivas, o cabeza de cartel destacou que o BNG pode obter un resultado histórico que permita derrotar dunha vez e ao mesmo tempo á dereita e o centralismo e situar ao BNG á fronte do país. O candidato fixo un chamamento á mobilización do voto que quere un cambio galego e indicou que para o BNG é fundamental a mobilización do voto urbano, do voto da mocidade e do que quere cambio nun contexto de alta participación o próximo 12 de xullo. “Hai grande corrente de apoio e simpatía ao BNG que nos pode levar a liderar este país para darlle un grande impulso e convertelo no país que a maioría do pobo quere”, puntualizou.
“Estamos nun momento histórico, crucial, no que hai que deixar atrás as políticas reaccionarias, regresivas e inxustas do Partido Popular que levaron ao país ao parálise e abrir un tempo novo da man do BNG de Ana Pontón, con proxecto propio pensado para o país e a súa maioría social. Para que sexamos quen de activar todo o potencial e riqueza do país e poñer eses recursos ao servizo da maioría e non dos grandes poderes económicos que teledirixen aos partidos estatais”, subliñou.
Insistiu, por iso, en que é precisa unha elevada participación e mobilización social e que se venza a tendencia da abstención fundamentalmente nas zonas urbanas: “dende logo podemos facer historia e dar paso a un tempo novo e deixar atrás as políticas de dereitas e do centralismo”.
Bará, en chave local, tamén destacou que é necesario que Vigo volva ser o “motor tractor” de Galiza. Insistiu en que o novo país se debe construír sobre o protagonismo de Vigo, fundamentándose sobre tres grandes piares: a reactivación da industria, a creación dun polo tecnolóxico da innovación e da ciencia, e o impulso do porto como motor económico.