Montse Prado compromete en Vigo que un BNG determinante a partir do 12X será a garantía para reverter os recortes sanitarios
A deputada, e candidata número 2 pola circunscrición de Pontevedra, mantivo un encontro co Comité de Empresa de Povisa, onde reiterou a necesidade de absorber o centro no Sergas para garantir unha atención sanitaria de calidade e a mellora das condicións laborais.
A fronte nacionalista expresa tamén o seu apoio ás protestas convocadas pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo.
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, e candidata número 2 pola circunscrición de Pontevedra aos vindeiros comicios do 12 de xullo, Montse Prado, comprometeu esta mañá na cidade de Vigo que “un BNG determinante é a garantía para reverter os recortes sanitarios da última década do PP de Feixóo”.
Prado realizou esta declaracións após a reunión mantida co Comité de Empresa de Povisa –na que estivo acompañada pola tamén candidata, Alexandra Fernández, e o responsábel local do Bloque, Serafín Otero– onde trasladou as propostas da fronte nacionalista no ámbito sanitario que suporán, segundo explicou, un xiro radical en defensa do dereito á sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade fronte ás políticas de recortes e privatización aplicadas polo Partido Popular. “Os 11 anos de goberno do PP e Feixóo foron un total retroceso e deterioro da sanidade pública”, denunciou.
En relación ao futuro de Povisa, Prado reteirou a necesidade de que o centro médico sexa absorbido na rede do Sergas para garantir unha atención sanitaria de calidade e a mellora das condicións laborais. “Non pode ser que un fondo voitre de Missouri, nos EUA, xestione algo tan fundamental como é a atención sanitaria de 135 mil persoas na área de Vigo”, reivindicou.
A nacionalista urxiu actuar perante a precariedade laboral que se padece no centro médico concertado e que exemplificou na falla de persoal, na existencia de xornadas parciais ou en que o convenio colectivo leve dez anos sen se renovar. “A poboación adscrita a Povisa non merece unha atención de segunda, teñen que dispor do mesmo persoal e atención que hai na rede pública”, reclamou.
A fronte nacionalista volveu reclamar tamén que se audite o concerto especial do Sergas con Povisa, para coñecer con detalle o uso dos preto de 85 millóns de euros anuais que recibe a empresa privada. Nese sentido, propoñen a creación dun Comité de Seguimento con participación do persoal e das persoas usuarias así como a declaración de Povisa como “ben de interese público” como primeiro paso para unha eventual intervención do hospital.
Protestas da Xunta de Persoal
Por outra parte, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, vai participar na concentración convocada pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo ás 20:00h de hoxe diante do Punto de Atención Continuada (PAC) da cidade.
“O BNG imos seguir a carón do persoal sanitario que de maneira heroica, a pesar dos recortes e da falla de medios, loita cada día co seu traballo por garantir a saúde das viguesas e dos vigueses”, expresou Igrexas. O edil retrucou desta maneira as “afirmacións cínicas” desta mañá da ex Delegada da Xunta en Vigo, e candidata popular ao Parlamento, Corina Porro, na que chegou a asegurar que a resposta fronte á Covid19 foi grazas á infraestrutura sanitaria. “É ofensivo escoitar a Porro dicir iso, porque o que logrou o persoal sanitario de Vigo fronte o coronavirus e, singularmente no Hospital Álvaro Cunqueiro, foi a pesar dos seus recortes e do deseño dun hospital privatizado e insuficiente”.
O portavoz municipal nacionalista puxo en valor a “enorme labor” realizada nos últimos 4 anos polo BNG, da man da deputada Montse Prado, para denunciar as políticas de recortes e privatizacións coas que o Partido Popular converteu a área sanitaria de Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria”. Nese sentido, Igrexas chamou a que o vindeiro 12 de xullo o clamor case unánime da cidade en defensa da sanidade pública se traduza nunha aposta por un “cambio galego” liderado polo BNG que blinde os servizos públicos. “O 12 de xullo temos que dicir nas urnas que non imos permitir que nunca máis xoguen coa nosa saúde como se fora unha mercadoría”, subliñou.