O Bloque critica que o goberno local adxudique o mantemento de parques e xardíns con total opacidade

O Bloque critica que o goberno local adxudique o mantemento de parques e xardíns con total opacidade

Serafín Otero denuncia que o acordo se adoptase con “nocturnidade e aleivosía” e alerta da inseguridade que este procedemento crea para o persoal do servizo

 

Vigo, 14 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, criticou o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local polo que se adxudica por catro meses o mantemento dos parques e xardíns da cidade á empresa Cespa S.A.. Otero, denunciou que esa decisión foi adoptada con “nocturnidade e aleivosía” e amosou as súas dúbidas arredor dun procedemento que se desenvolveu con “total opacidade”, xa que en menos dunha hora celebrouse a xunta de goberno para aprobar o expediente de contratación sen publicidade e a aprobación da adxudicación.

“Esta tramitación é unha mostra clara da inoperancia do goberno municipal”, asegurou o candidato nacionalista en referencia a adxudicación efectivizouse polo “procedemento negociado sen publicidade con tramitación urxente”, que non garante a libre concorrencia. O contrato aprobado onte ten como vixencia até o 31 de agosto por un importe superior ao 1.800.000€.

Serafín Otero defende que o alcalde “ten que explicar por que a Xunta de Goberno Local se reúne de maneira clandestina, sen o anunciar nas previsións públicas do Concello, aproba as bases baixo este procedemento opaco e apenas unha hora despois teña xa adxudicado un contrato por importe de case dous millóns de euros”.

Secuestro da información

O candidato nacionalista criticou asemade o “secuestro da información” por parte do goberno local, en tanto que as xuntas de goberno se celebraron onte, pero os expedientes non estiveron a disposición dos integrantes da corporación até o mediodía de hoxe. Outro aspecto digno de ser tido en conta consiste en que a contratación se fixo sen mesa de contratación, o que segundo Otero supón unha actuación “moi arriscada desde o punto de vista legal”.

“Chámanos a atención que o informe da asesoría xurídica recoñece que só fai consideracións de carácter xeral, dada a premura de tempo coa que se tramitou o expediente”, engadiu o candidato do Bloque, para quen que o informe non valore o contido “impide facer unha fiscalización efectiva da tramitación” e dotar de garantías desde o punto de vista xurídico e económico.

Inseguridade laboral

Serafín Otero destacou ademais que esta tramitación do expediente supón unha “notable inseguridade laboral” ao crear nos traballadores e traballadoras unha forte situación de incertidume. Neste sentido lembrou que a nova adxudicación está paralizada polo Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, que así o decidiu en tanto que non resolve o recurso presentado pola Asociación Española de Empresas de Parques e Xardíns sobre o novo prego de condicións do contrato.

O candidato do Bloque considera “inadmisible” a actuación do Concello ao respecto, ao non garantir desde un principio os dereitos laborais da plantilla e recorda que os traballadores e traballadoras estiveron cinco días en folga até que a xunta de goberno decidiu introducir modificacións no prego de condicións.

Para Otero, este tipo de actuacións insisten na falla de seguridade xurídica nun servizo público fundamental. “Podería darse o caso de que dentro de dous meses haxa unha nova adxudicación a unha empresa diferente, e nesta altura o Concello continúa sen garantir a subrogación do persoal”, alertou o candidato. “O que tiña que ter feito o Concello é modificar as bases para a nova adxudicación, tal e como vimos demandando desde hai semanas, para garantir a estabilidade dos postos de traballo en lugar de optaren por este atallo”, concluíu.

 

O Bloque critica que o goberno local adxudique o mantemento de parques e xardíns con total opacidade