O BNG esixe o fin do «acoso administrativo» do Concello aos eventos culturais en Vigo

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo

A fronte nacionalista vai solicitar acceso aos expedientes de todos os permisos tramitados desde o 1 de xaneiro para comprobar se se aplican os mesmos criterios e prazos

Demanda medidas para corrixir as demoras e eivas na tramitación e piden que se aclare se existe un protocolo definido a nivel municipal

Xabier P. Igrexas: “Hai síntomas claros de violencia administrativa e institucional, e parece que existe un maior celo para dificultar aqueles eventos que non están patrocinados directamente polo Concello”

O BNG esixe o fin do «acoso administrativo» do Concello aos eventos culturais en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego anunciou que solicitará formalmente o acceso a todos os expedientes de autorización de eventos públicos tramitados polo Concello de Vigo desde o pasado 1 de xaneiro, co obxectivo de comprobar se o Goberno municipal está a aplicar os mesmos criterios, requisitos e prazos na concesión dos permisos.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que esta iniciativa responde ás reiteradas queixas e denuncias formuladas por asociacións e entidades organizadoras sobre as demoras na tramitación das autorizacións e a imposición de novos requisitos a escasas horas do inicio das actividades.

Igrexas sinalou que esta problemática xa foi trasladada na Comisión Informativa de Seguridade e citou como exemplos recentes a decisión de impedir os concertos nos quioscos das praias durante este verán ou as dificultades denunciadas na organización da Xornada Cultural do Mar. Para o BNG, estes casos evidencian unha política de "hostigamento" contra eventos culturais e musicais promovidos polo tecido asociativo.

Desde o Bloque volven reclamar "seriedade, rigor e eficiencia" na xestión das autorizacións municipais para eventos públicos, cualificando de "inaceptábel" que as resolucións se comuniquen, de maneira recorrente, poucas horas antes da celebración das actividades. Unha demora á que se engade, segundo denunciou Igrexas, a "improvisación" da Concellaría de Seguridade, que estaría a introducir novas exixencias para eventos consolidados "que nin sequera son obrigatorias a nivel legal".

Violencia administrativa

"A percepción xeneralizada é que estamos diante dunha xestión que se discute entre o arbitrario e o neglixente", advertiu o portavoz municipal nacionalista, quen alertou dos graves prexuízos que esta situación provoca sobre entidades que, na súa inmensa maioría, desenvolven actividades sen ánimo de lucro grazas ao traballo voluntario da veciñanza.

O BNG considera especialmente preocupante que a normativa poida estarse aplicando de maneira desigual. "Hai síntomas claros de violencia administrativa e institucional, e parece que existe un maior celo para dificultar aqueles eventos que non están patrocinados directamente polo Concello", alertou Igrexas.

Protocolo municipal

Ademais do acceso aos expedientes, o BNG solicitará que o Goberno municipal aclare se existe un protocolo actualizado que regule a tramitación, exame e resolución das autorizacións para eventos públicos.

A fronte nacionalista quere coñecer se ese procedemento foi adaptado ás modificacións normativas aprobadas nos últimos anos e baixo que criterios se están resolvendo as solicitudes."Queremos verificar se se están a aplicar os mesmos prazos e condicións en todos os casos e que o Goberno explique con absoluta transparencia como xestiona estes permisos", afirmou Igrexas.

O portavoz do BNG defende que “o Concello ten a obriga de garantir unha xestión eficaz que facilite, e non dificulte, a vida cultural e social da cidade, asegurando ao mesmo tempo o cumprimento das condicións de seguridade en todos os eventos públicos".

O BNG esixe o fin do «acoso administrativo» do Concello aos eventos culturais en Vigo