O Bloque insta ao goberno e á Deputación a impulsar a rede museística e critica a incoherencia do PP
O grupo municipal do BNG deu o seu apoio a dúas mocións sobre a necesidade de mellorar a rede museística viguesa presentadas polo PSOE e polo PP por coherencia política, segundo destacou o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez. Pola contra, criticou a incoherencia dos populares que rexeitaron unha iniciativa para que a Deputación invista nos museos vigueses mentres presentaron unha moción para que o goberno local planifique a actividade cultural da cidade.
Canta palabrería unida a tanta incoherencia política, comentou o nacionalista a respecto da postura do grupo popular. Neste sentido, criticou que hai 10 minutos o PP votou en contra do investimento da Deputación na rede museística da cidade e 10 minutos despois pide un plan museístico e que a Pinacoteca abra máis horas. Pensei que ían retirar esta moción, apuntou.
Segundo defendeu Santi Domínguez non se pode ser tan indecente politicamente falando. Pola contra, destacou a coherencia do BNG, ao reclamar á Deputación que invista en Vigo e ao goberno local que se poña as pilas, que as ten bastante paradas. Asegurou que ao finalizar o mandato pasado o grupo nacionalista deixou unha rede museística perfectamente estruturada, pero despois de máis dun ano vostedes non fixeron ningunha iniciativa para impulsala.
Neste sentido, Iolanda Veloso criticou a política caciquil do Partido Popular e criticou que mentres o PP siga presidindo a Deputación de Pontevedra non vai investir en Vigo. Temos dúbida de que moitas mocións que o goberno local presente practicamente iguais servan para algo, manifestou tras a negativa do alcalde a retirar da orde do día do pleno as mocións que instan á Deputación de Pontevedra a investir en Vigo.
Reclamacións á Deputación
O BNG apoiou a moción que reclama ao ente provincial a desenvolver diversas actuacións en materia deportiva na cidade, como acadar que Vigo sexa final e comezo de etapa da Volta Ciclista ou que acometa as reformas necesarias no estadio de Balaídos. Asemade, o grupo nacionalista respaldou a iniciativa para que a Deputación acometa melloras en distintos viais da súa competencia no termo municipal vigués.
Transporte urbano
O Bloque tamén prestou seu apoio a dúas iniciativas populares tras facer sendas engádegas, que finalmente foron aprobadas por unanimidade. Por unha banda, o pleno aprobou axilizar os trámites para a obtención das tarxetas de Pensionista I e II para o transporte urbano, así como que o goberno local presente un estudo para que os colectivos máis desfavorecidos se poidan incorporar ás ventaxas na redución da tarifa. Segundo destacou Xabier Alonso, o goberno local debe ser sensible á situación pola que atravesan moitas familias como consecuencia da crise económica.
Concesionarias
No segundo caso, o BNG respaldou instar ao goberno da cidade a negociar coas concesionarias a rebaixa do custo dos servizos, pero garantindo os postos de traballo e as condicións laborais dos traballadores e traballadoras. Ao respecto, Santi Domínguez lembrou que o Bloque xa ten manifestado a súa oposición á ampliación das concesións e fixo referencia á instervención do representante popular, quen indicou que Vigo é o paraíso das concesionarias. Teñen razón, porque aí preto temos a concesión do novo hospital, que custará 5 veces máis que se fora público, sinalou.