O BNG denuncia a nova discriminación de Vigo nos orzamentos xerais para 2013 e que crearán máis paro
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, e deputada no Parlamento estatal, Olaia Fernández Davila, denunciaron este luns que os orzamentos xerais do Estado correspondentes ao 2013 supoñen unha nova discriminación para Vigo, ao non incluir ningunha medida de choque para revitalizar os sectores produtivos da cidade e que impulsen a creación de emprego.
Segundo destacou Santi Domínguez na súa intervención, estes orzamentos son máis do mesmo. Criticou que non hai nin unha soa iniciativa nin un novo esforzo en canto ao fundamental, que ao seu xuízo consiste en paliar as consecuencias da crise económica. Pola contra, ao seu xuízo, só servirán para seguir creando paro en Vigo e a súa comarca.
Neste sentido, o portavoz municipal do BNG criticou que a cidade con máis desemprego de Galiza non reciba ningunha medida de choque que vaia encamiñada a solventar estes problemas. Nunha primeira análise, Vigo sae moi mal parada con estes orzamentos, xa que coa crise a cidade necesita orzamentos de impulso, mentres estes son orzamentos de retroceso, asegurou.
Complicidade de Feijóo
Santi Domínguez considerou incrible que Feijóo diga que estes orzamentos están moi ben, cando Galiza recibe 400M menos a respecto de 2012. Criticou asemade que Feijóo defenda a Rajoy fronte a Galiza. Temos que lamentar, unha vez máis, que o goberno do Estado discrimina Vigo coa complicidade do presidente da Xunta, salientou.
O único que garanten para 2013 é máis recesión e máis desemprego, asegurou a deputada Olaia Fernández Davila. Destacou ademais a súa provisionalidade, ao estar pendente se vai haber rescate, o cal modificará os orzamentos. Neste sentido lembrou as contas de 2012, aprobados en xuño e modificados posteriormente a golpe de decreto.
A respecto da repercusión dos OXE para Vigo sinalou que o aspecto fundamental xa non son tanto as partidas para 2013, senón coñecer se o que había para 2012 se executa. Asegurou que non hai vontade de investir en Vigo, en tanto que non se contemplan nin a conexión da AP9 con Peinador nin a pasarela de unión entre Peinador e o IFEVI.
Olaia Fernández tamén chamou a atención sobre partidas destinadas ás obrs no Porto, que xa están en marcha e as infraestruturas viarias, que segundo considerou estan estancadas, ao igual que o plan de descontos da peaxe da AP9.