O Bloque pide ao Goberno municipal que rectifique e non suprima o curso de lutheria antiga da EMAO
O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, mantivo un encontro con Norka Pérez, portavoz do alumnado, a quen lle reiterou o seu apoio.
A fronte nacionalista urxiu o Goberno municipal a que “abandone a política de desmantelamento da Escola Municipal de Artes e Oficios e aposte decididamente por ampliar a súa oferta formativa”.
VIGO, 13 de decembro de 2018 - Esta mañá o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, mantiveron unha xuntanza con Norka Pérez, portavoz do alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios que estes días ten iniciado unha campaña reivindicativa contra a supresión do curso de lutheria antiga na EMAO. No encontro, Pérez Igrexas, reiteroulle o total apoio do Bloque ás súas reivindicacións.
Igrexas volveu pedir ao Goberno municipal “que rectifique e non suprima o curso de lutheria antiga” da EMAO. Un curso “referencial a nivel galego e estatal e que ten contribuído de maneira moi importante á recuperación e posta en valor do noso patrimonio musical e instrumental”. Neste sentido, o candidato nacionalista denunciou que a amortización da praza de profesor asignada a este curso, que suporá na práctica a súa desaparición deixando sen oferta formativa a 30 persoas, pon en evidencia “a nula sensibilidade” do Goberno local en relación “ao noso acervo cultural e artístico”. Tal e como salientou Norka Pérez, na súa comparecencia posterior á xuntanza diante dos medios de comunicación, o curso de lutheria antiga que se pretende suprimir é “unha xoia única en todo o Estado e ten formado a grandes profesionais que fixeron parte de proxectos de grande relevo a nivel internacional”.
Fronte aos recortes que “paseniñamente pero de maneira teimuda está a despregar o Concello en contra da EMAO” a aposta da fronte nacionalista é precisamente a contraria. “En lugar de desmantelala por partes o que merece Vigo é alargar e consolidar a oferta formativa da Escola Municipal de Artes e Oficios, poñendo en valor unha institución que ten por obxectivo facer accesíbel unha formación de calidade ao conxunto das viguesas e dos vigueses”.