O BNG pregunta a Abel Caballero cando vai instalar as luces de Nadal xa pagadas fóra do centro de Vigo
A fronte nacionalista pide que o Goberno local aclare se vai completar a colocación do alumeado nas 450 rúas comprometidas no contrato de 2,3 millóns de euros anuais
Xabier P. Igrexas: “No caso de que non se vaian instalar na súa totalidade, o alcalde ten que explicar se vai descontalos do pago á empresa por traballos non realizados”
O Bloque Nacionalista Galego pregunta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, cando se van instalar as luces de Nadal fóra do centro de Vigo. A fronte nacionalista pide que o Goberno local aclare cando ten previsto completar a colocación do alumeado nas 450 rúas comprometidas no contrato, subscrito por 2,3 millóns de euros anuais e que inclúe a instalación de 6 mil estruturas e 4 mil arcos.
“Estamos a 14 de decembro e unha parte importante deses elementos aínda non foron instalados e un bo número de rúas, fóra do centro, continúan sen alumeado de Nadal”, cuestionou o portavoz municipal do BNG de Vigo Xabier P. Igrexas, quen lembrou que o custo do alumeado e decoración aumentou até un 60% nos últimos tres anos, o que supón máis do dobre de gasto do que o Concello destina a axudas sociais.
Igrexas interpelou o alcalde para que informe se finalmente se van colocar todos os elementos e cando ten previsto facelo. No caso de que non se instalen, o portavoz nacionalista esixiu que Caballero aclare se vai descontar do pago o alumeado sen despregar.
“O que non pode pasar é que por causa do incomprensíbel atraso na licitación do novo contrato, que se formalizou o pasado 8 de novembro cando estaba previsto o inicio da instalación en agosto, paguemos por traballos que non se realizaron totalmente”, remachou.