O BNG de Vigo cuestiona a humanización de Samil por insistir en "cementar" a praia
A fronte nacionalista lamenta a decisión do Goberno local de iniciar as obras na avenida cando aínda están por resolver as alegacións ao proxecto de reforma do paseo, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica
Xabier P. Igrexas: “Se insisten en cementar de novo a praia de Samil estaremos diante dunha grande oportunidade perdida para recuperar este ecosistema tan valioso”
O Bloque Nacionalista Galego cuestiona a humanización de Samil por insistir en “cementar” a praia viguesa. A fronte nacionalista advirte de que as présas de Abel Caballero para o inicio das obras na avenida, que veñen de ser aprobadas pola Xunta de Goberno local, poden comprometer a recuperación do areal cando aínda están por resolver as alegacións formuladas polo Bloque e colectivos veciñais e ecoloxistas ao proxecto de reforma do paseo, a cargo do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO).
“Carece de sentido avanzar nesta fase do proxecto, que é competencia do Concello, sen estar definida polo momento a obra de maior alcance para a reforma do paseo, que depende do Goberno español”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen alertou de que as alegacións poderían modificar parcial ou totalmente o proxecto do MITECO e, polo tanto, afectar as obras proxectadas a nivel municipal.
Nese sentido, Igrexas anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Congreso, a través do deputado nacionalista Néstor Rego, para esixir unha rectificación e reformular este proxecto para lograr a recuperación integral do areal de Samil, diante da falla de resposta do Executivo central.
“A proposta do Goberno español teima nun modelo fracasado que vai limitar o alcance da recuperación dunar”, denunciou o voceiro municipal do BNG. “Se insisten en cementar de novo a praia de Samil estaremos diante dunha grande oportunidade perdida para recuperar este ecosistema tan valioso”, engadiu.
Alternativas ao cemento
Dende a fronte nacionalista reiteraron que existen alternativas moito máis sustentábeis en termos ambientais, como as despregadas con éxito na recuperación da praia do Vao, que pasan por substituír o paseo por un sistema de pasarelas de madeira pivotadas. “A solución non pasa por recuar apenas 25 metros o actual paseo para construír un novo molote de cemento sobre a area como propón o Goberno central.”, dixo.
O portavoz municipal do BNG asegurou que aínda que Samil sexa unha praia urbana “o reto que temos como cidade é que deixe de ser unha praia urbanizada”. Así, rexeitou a pretensión de converter o paseo “nunha especie de rúa do Príncipe sen comercios e a pleno sol”.