O BNG acusa ao alcalde de “vender fume” co premio a Vigo como cidade intelixente

O BNG acusa ao alcalde de “vender fume” co premio a Vigo como cidade intelixente

Serafín Otero critica que no mapa oficial da RECI, que inclúe 60 municipios, “a nosa cidade non figura"

 

Vigo, 23 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía, Serafín Otero, acusou ao alcalde de “vender fume” co premio Smart City a Vigo, en tanto que este galardón no foi concedido pola “Red española de cidades intelixentes” (RECI), que aglutina 60 municipios estatais que desenvolven proxectos baseados nas tecnoloxías da información e a comunicación, senón por unha fundación privada.

“Caballero pode ver o listado de urbes incluídas na rede de cidades intelixentes do estado, e entre Valladolid e Vitoria a nosa non figura, pero si esta A Coruña por exemplo”, apuntou Otero, para quen este feito demostra “claramente” que ao alcalde do PSOE vigués “o único que lle preocupa é a propaganda”.

Para o candidato nacionalista este premio do que presume o alcalde non se pode confundir coa distinción que recibiu a cidade de Pontevedra hai uns días por parte dun organismo público internacional. “Caballero non ten capacidade para dialogar con outras administracións para conseguir un hospital público ou a cidade da xustiza, moito menos para que Vigo teña un galardón dunha entidade de prestixio internacional”, salientou.

Serafín Otero denunciou que o goberno local non desenvolveu “ningún proxecto para facer de Vigo unha cidade intelixente”. Pola contra, destacou que a Universidade viguesa si está desenvolvendo “iniciativas interesantes en tecnoloxías intelixentes”, enviando incluso satélites ao espazo.

“Curiosamente, ao alcalde non lle interesa falar dos triunfos da nosa Universidade, pese a que teñen unha forte capacidade tecnolóxica recoñecida internacionalmente”, apuntou o candidato do Bloque.

 

O BNG acusa ao alcalde de “vender fume” co premio a Vigo como cidade intelixente