O BNG afea o veto do PSOE de Caballero a unha declaración institucional para que Vigo acolla a sede FAO

[Imaxe: Porto Vigo]

A fronte nacionalista traslada a súa “sorpresa maiúscula” pola negativa do grupo socialista, que impuxo a súa maioría absoluta para tombar a proposta do Bloque

Xabier P. Igrexas: “Esperemos que o sectarismo ou lecturas en chave partidista non impidan a desexada unanimidade do Pleno do Concello para que Vigo sexa sede FAO”

O BNG afea o veto do PSOE de Caballero a unha declaración institucional para que Vigo acolla a sede FAO

O Bloque Nacionalista Galego afea o veto do grupo municipal socialista á proposta de declaración institucional formulada polo BNG para que Vigo acolla a sede FAO para a Rede Global de Portos Azuis. Unha negativa que se produciu este mércores, na Xunta de Portavoces do Concello, na que o PSOE exerceu o “rodete” da súa maioría absoluta para rexeitar a proposta nacionalista.

“O grupo socialista alegou xenericamente que o texto tiña inexactitudes mais sen expresar ningunha modificación concreta”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que advertiu de que o Goberno municipal só manifestou a posibilidade de que, desde a Alcaldía, se traslade un texto propio sen garantías de consenso co resto de grupos da oposición e que tería que ser incorporado no Pleno do vindeiro luns pola vía de urxencia.

O voceiro nacionalista afirmou que o BNG vai apoiar “calquera iniciativa que de maneira clara e inequívoca reclame un compromiso efectivo” por parte de todas as administracións para garantir que Vigo sexa sede FAO. Unha iniciativa na que, lembrou Igrexas, levan traballando desde 2020 diferentes actores e axentes sociais da cidade, nomeadamente Conxemar. Porén, advertiu ao alcalde, Abel Caballero, de que a fronte nacionalista non vai sumarse a ningún texto que pretenda “ocultar” a falla de actuacións do Goberno español nesta cuestión.

Dende o Bloque insistiron na necesidade de que un asunto de tanta relevancia para Vigo conte cunha posición institucional de cidade, tal e como demandaron as nacionalistas a pasada semana tras un encontro coa dirección de Conxemar. “Temos que sumar esforzos en favor deste obxectivo que entendemos é común”, defendeu Igrexas. Salientou nese sentido que a sede FAO permitiría referenciar a maior cidade galega a nivel internacional, nun ámbito como o desenvolvemento sustentábel das actividades portuarias e pesqueiras, sectores “estratéxicos” para Vigo.

“Esperemos que o sectarismo ou lecturas en chave partidista non impidan a desexada unanimidade do Pleno do Concello de Vigo”, reclamou o portavoz do BNG.

CONSULTA A PROPOSTA DE DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 

O BNG afea o veto do PSOE de Caballero a unha declaración institucional para que Vigo acolla a sede FAO