O BNG rexeita a privatización do servizo municipal de conserxaría dos colexios públicos de Vigo
A fronte nacionalista chama a executar a bolsa de contratación e convocar prazas da Oferta Pública de Emprego para evitar a “precarización” deste servizo, co precedente da xestión privatizada nas instalacións deportivas municipais
Xabier P. Igrexas: “Esta decisión ameaza con deixar até 24 centros educativos públicos da nosa cidade sen este servizo esencial para o seu funcionamento”
O Bloque Nacionalista Galego rexeita a pretensión do Goberno municipal de privatizar “pola porta de atrás” o servizo de conserxaría dos colexios públicos de Vigo. Así o anuncio este mércores o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, tras manter unha xuntanza con representantes da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas de Vigo (Foanpas) e do propio persoal afectado.
“Facémolo tendo en conta a nefasta experiencia que supuxo a privatización dende hai varios anos do servizo de apertura e peche das instalacións deportivas municipais”, advertiu Igrexas, que asegurou que esta decisión supuxo un “evidente empeoramento” do servizo así como instalar a “precariedade laboral” no mesmo.
O voceiro nacionalista alertou de que esta pretensión do Goberno de Abel Caballero ameaza con deixar até 24 centros educativos públicos da cidade sen este servizo “esencial” para o seu funcionamento. Nese sentido, anunciou que o BNG vai solicitar formalmente acceso á documentación do proceso para “poñer claridade e transparencia neste xogo de sombras algo perverso” co que a actual concelleira de Educación, Olga Alonso, está xestionando o caso.
Fin aos apaños
Igrexas asegurou que existen posibilidades legais para resolver a situación, como a formulada este martes pola sección sindical da CIG no Concello de Vigo. “Reclamamos ao Goberno municipal que execute a bolsa de contratación que resolveu hai apenas dous meses e que permitiría contar co persoal necesario para garantir que todos os colexios públicos da nosa cidade teñan persoal de portaría e vixilancia”, defendeu.
Dende o BNG consideraron que esta solución poría fin aos “malos apaños e parches absolutamente precarios” que se impuxeron no pasado curso escolar con persoal compartido entre diferentes centros. Ademais, propuxeron que se convoquen prazas de interinaxe a cargo da futura Oferta Pública de Emprego deste ano 2023, a día de sen acordar, para consolidar este servizo.
“O problema está no obxectivo descarado do Goberno municipal de converterse nos verdadeiros campións das privatizacións, para seguir a entregarlle a empresas privadas e os seus intereses a xestión de servizos públicos”, reprochou Igrexas, que lembrou que hoxe 2 de cada 3 euros do orzamento municipal rematan nas contas de empresas adxudicatarias ou contratas.