O BNG agradece os máis de 20 mil apoios en Vigo co mellor resultado nunhas eleccións europeas en dúas décadas
A fronte nacionalista destaca o incremento de máis de 8 puntos na maior cidade galega que permite que Galiza conte coa eurodeputada viguesa Ana Miranda no Parlamento europeo
Xabier P. Igrexas: “O BNG seguimos a sumar en cada convocatoria electoral un cada vez maior apoio na nosa cidade, que imos corresponder con máis traballo, compromiso e coherencia”
O Bloque Nacionalista Galego agradece o apoio das 20.460 viguesas e vigueses que este domingo, na que colleita o seu mellor resultado nunhas eleccións europeas nas últimas dúas décadas. A fronte nacionalista destaca o incremento de máis de 8 puntos, o maior aumento de votos en todas as cidades galegas do Bloque, que confirma a tendencia á alza nacionalista na maio urbe do país.
“Este resultado, que permitiu que Galiza vaia contar con voz propia coa viguesa Ana Miranda como eurodeputada durante os próximos cinco anos, confirma que o BNG non temos límites nin teitos en Vigo”, salientou o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, lembrando o incremento do Bloque en todas as convocatorias electorais do último ano, dende as municipais, pasando polos comicios xerais e as eleccións galegas.
Un incremento de apoio que, asegurou Igrexas, o BNG vai corresponder “con máis traballo, con máis compromiso e con máis coherencia”. Así, puxo en valor que o BNG é a única forza de esquerdas que avanza en Vigo o que, valorou, permite dicir que “o futuro da cidade pasa polo Bloque Nacionalista Galego”.
O portavoz nacionalista garantiu que este escano do BNG vai defender con firmeza os intereses das viguesas e dos vigueses e de toda Galiza no Parlamento europeo. “Poden ter a total confianza que Ana Miranda será a nosa voz en Europa”, remachou.