O BNG de Vigo reta a Abel Caballero a convocar o Debate sobre o Estado da Cidade
A fronte nacionalista demanda que se celebre un sábado deste mes de xuño, en horario de mañá no Auditorio Municipal e cun formato que permita réplicas de todos os grupos
Xabier P. Igrexas: “Fronte ao medo ou a xordeira autoritaria de Caballero, ten que prevalecer o dereito das viguesas e vigueses a que o alcalde responda sobre a desatención das necesidades reais da cidade”
O Bloque Nacionalista Galego vai trasladar á Xunta de Portavoces do Concello de Vigo a solicitude de que se convoque este mes de xuño o Debate sobre o Estado da Cidade. Así o vén de anunciar o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que defendeu a necesidade de celebrar ese debate de fondo.
“Diante dun alcalde que foxe dos Plenos ordinarios aos poucos minutos de comezar para despois exercer con entusiasmo de tertuliano televisivo, e dun Goberno municipal reducido a propaganda e monólogo, o BNG cremos que é esencial que as viguesas e vigueses teñan a posibilidade de avaliar a situación real da cidade e de coñecer as diferentes alternativas políticas”, explicou.
Desde o BNG subliñan que “en democracia o debate e o contraste son tan esenciais como imprescindíbeis”. “O alcalde ten que dar a cara saíndo do seu acubillo de declaracións enlatadas sen atender nin as preguntas dos medios de comunicación, e ten que facelo diante do máximo órgano de representación democrática da cidade”, esixen.
Para a fronte nacionalista é lamentábel que no Concello de Vigo nunca se teña celebrado este tipo de debate, a pesar de estar expresamente previsto no Regulamento Orgánico do Pleno, cando xa é unha realidade normalizada noutras cidades galegas e do Estado.
“Retamos a Abel Caballero a que teña a valentía de convocar este debate para confrontar a súa falla de proxecto para a cidade, cun Goberno instalado no permanente máis do mesmo, incapaz de executar os seus propios orzamentos, coa alternativa sólida, aberta e en positivo que empurra o Bloque Nacionalista Galego para Vigo”, proclamou Igrexas.
BNG á alza fronte ao PSOE en retroceso
O portavoz municipal nacionalista anticipou que “os sucesivos retrocesos electorais do PSOE en Vigo probabelmente non os anime a debater cun BNG á alza que nas catro eleccións celebradas no último ano sumamos cada vez máis apoio das viguesas e dos vigueses”.
No concreto, lembrou que Caballero perdeu 20 mil votos nas últimas eleccións municipais, así como que nas galegas do 18F o PSOE ficou en terceira posición na cidade con pouco máis da metade dos votos obtidos polo Bloque que logrou converterse en primeira forza, e tamén que nas eleccións europeas celebradas os socialistas volveron perder 9 puntos de apoio electoral en Vigo.
“Fronte ao medo ou a xordeira autoritaria de Caballero, ten que prevalecer o dereito das viguesas e vigueses a que o alcalde responda sobre a desatención das necesidades reais da cidade”, enfatizou.
Emporiso, defenden que as viguesas e vigueses merecen un debate do Estado da Cidade no que poder falar de cuestións tan importantes como o pésimo servizo transporte público, o gravísimo problema de acceso social á vivenda, o colapso do servizos sociais, a crónica falla de efectivos nos bombeiros, a ausencia de políticas de emprego, o permanente arboricidio, a crecente desertización cultural, o estado lamentábel das instalacións deportivas, a falla de participación cidadá ou o inaceptábel abandono que padecen o conxunto dos nosos barrios e parroquias.
“Democracia é moito máis que votar cada catro anos, e ningunha maioría, por absoluta que for, é un cheque en branco para gobernar de costas á cidadanía” contrapuxo Igrexas que avogou porque “fronte ao relato máxico da cidade parque temático, o Vigo real, o que vivimos as viguesas e vigueses, merece abrirse paso” nun debate no que evidenciar que si hai alternativa ao actual desgoberno.
Debate real
As nacionalistas apostan por un formato que garanta un debate real e efectivo. Con ese obxectivo o BNG proporá que o Debate do Estado da Cidade se celebre un sábado deste mes en horario de mañá no Auditorio Municipal para facilitar a participación da propia veciñanza, como se fai coas sesións de constitución de cada nova Corporación. Un debate con tempos equitativos pero tamén con dúas quendas de intervención que permitan réplicas de todos os grupos.
“Queremos un debate de verdade, non unha sucesión de monólogos. Queremos que haxa contraste e diálogo, para que as viguesas e vigueses poidan coñecer as diferentes maneiras de comprender Vigo e de darmos resposta ás necesidades da veciñanza. A cidade non merece menos”, remachou Igrexas.