O BNG alerta en Vigo que os recortes nos servizos de emerxencia sanitaria poñen en risco a poboación

ambul

O 061 permite que ambulancias operen sen máis persoal que o condutor ou condutora e está a substituírse o transporte programado en ambulancia polo uso de taxis.

A fronte nacionalista critica que unha área sanitaria de medio millón de persoas só dispoña de 2 ambulancias de soporte vital avanzado.

Montse Prado expresa o compromiso do Bloque para reverter os recortes sanitarios impostos polo Partido Popular.

O BNG alerta en Vigo que os recortes nos servizos de emerxencia sanitaria poñen en risco a poboación

O Bloque Nacionalista Galego alertou esta mañá desde Vigo de que os recortes que está a aplicar o Goberno galego do Partido Popular nos servizos de emerxencia sanitaria, e concretamente no transporte terrestre, poñen en risco a poboación da área sanitaria de Vigo. Así o sinalaron após unha xuntanza co delegado sindical da CIG no sector das ambulancias, Óscar Graña, na que participaron o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada e portavoz de Sanidade no Parlamento galego, Montse Prado. A fronte nacionalista comprométese a reverter a política de recortes.

O concelleiro da fronte nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, volveu denunciar que a política sanitaria do PP "de recortes e máis recortes, de privatización sobre privatización", converteu a cidade olívica e o conxunto da área sanitaria na "zona cero da desfeita sanitaria". Neste sentido, lembrou a imposición dun hospital privatizado e recortado, o desmantelamento parcial do Meixoeiro, a situación de colapso da atención primaria e do PAC, o recorte á metade do proxecto de novo centro de saúde na vila de Bouzas ou a nefasta xestión do concerto especial de Povisa. "Agora vemos como á falla estrutural de suficientes ambulancias para atender a principal cidade de Galiza se engaden novos recortes tanto nas dotacións de emerxencia como no transporte programado", advertiu.

Pola súa banda, Óscar Graña detallou que as últimas decisións adoptadas polo Sergas suporán unha maior precarización do servizo de ambulancias. En relación ás ambulancias de emerxencia, Graña explicou que agora se pretende que as dotacións poidan actuar unicamente co persoal condutor sen ningún técnico ou técnica, o que supón comprometer a capacidade de intervención das propias ambulancias. Aliás, no relativo ao transporte programado o representante sindical da CIG rexeitou a pretensión de substituír o servizo que se presta con ambulancias por taxis. "Un taxi non pode transportar a unha persoa da súa cama até o centro médico, fai apenas un servizo porta a porta, e falamos de pacientes que polas súas circunstancias poden empeorar as súas condicións", resumiu.


Reverter os recortes

Diante desta situación, o BNG comprometese de maneira firme a impulsar a partir das eleccións galegas do próximo 5 de abril a reversión de todos estes recortes. "Falamos de servizos de emerxencia, nos que a dotación de persoal e o tempo de resposta poden marcar a diferenza entre un desenlace positivo ou un fatal. En situación de vida ou morte estes recortes supoñen unha clara ameaza", explicou Montse Prado.

A deputada nacionalista criticou o feito de que unha área sanitaria de arredor de medio millón de persoas dispoña de apenas 2 ambulancias de soporte vital avanzado e inscribiu estes recortes nunha política deliberada que só procura "desmantelar a sanidade pública" para alentar o negocio privado. A este respeito, denunciou que mentres o 061 carece das dotacións suficientes para atender debidamente a poboación, o Sergas segue a botar man de servizos de empresas privadas en condicións moitas veces de precariedade e mesmo con casos de claros incumprimentos da normativa. "

O BNG denunciamos con rotundidade os recortes nos servizos de ambulancias na área de Vigo, con menos dotación, con menos persoal e con vehículos que non cumpren as condicións", acrecentou para concluír que "as ambulancias son unha peza moi importante na cadea asistencial e teñen que dispor de todos os recursos necesarios".

O BNG alerta en Vigo que os recortes nos servizos de emerxencia sanitaria poñen en risco a poboación