O BNG leva a reivindicación feminista sobre o traballo de coidados ao Pleno de Vigo

8M VIGO

A fronte nacionalista promove unha moción coa que queren facer un chamamento á participación masiva nas mobilizacións do 8 de marzo.

Demandan que as "declaracións se traduzan en feitos" reclamando medidas concretas aos gobernos municipal, galego e español.

O BNG leva a reivindicación feminista sobre o traballo de coidados ao Pleno de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego dedicará a súa moción no vindeiro pleno municipal en Vigo ao 8 de marzo. A moción está centrada nas reivindicacións feministas arredor do traballo de coidados e recolle demandas concretas aos gobernos municipal, galego e español. O texto pretende, segundo explicou o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, "retratar as diferentes posicións e deixar en evidencia as poses cínicas". "É claro que non todas as forzas políticas temos as mesmas posicións nesta cuestión. O BNG non podemos coincidir con quen non ten reparos en se apoiar en forzas da ultradereita españolista e reaccionaria que mesmo negan a existencia da violencia machista", explicou.

A fronte nacionalista defende que o 8 de marzo non se pode tratar de "maneira ritual" por parte das institucións e cómpre substanciar a loita pola igualdade en compromisos concretos. "Non abonda con pendurarmos faixas na casa do Concello, non chega con envolvérmonos da cor lilá un día. É imprescindíbel o feminismo, máis do que nunca, pero un feminismo efectivo que se despregue con decisións e medidas concretas", demanda Igrexas.

A moción do Bloque comeza por facer un chamamento á participación masiva nas convocatorias promovidas polo feminismo galego o próximo 8 de marzo, poñendo en valor a enorme capacidade mobilizadora demostrada nos últimos anos.

Demandas

O texto recolle unha serie de demandas concretas dirixidas aos gobernos municipal, galego e español en relación ao traballo de coidados. "Un traballo invisíbel, asumido forzosamente na súa práctica totalidade por mulleres e sen ningunha retribución económica" explica responsábel de Acción Feminista do Consello Local do BNG de Vigo, Sefi Romero.

Romero demanda que de cara ao 8 de marzo "o Concello de Vigo recoñeza o traballo feminismo galego e aposte por contribuír a combater a precarización de servizos de coidados ocupados maioritariamente por mulleres, e a dar visibilidade ao que supón no noso sistema económico e social a contribución do traballo invisible dos coidados como paso necesario para construír unha nova orde social que supere o patriarcado".

Sob ese obxectivo, as nacionalistas demandan da Xunta un maior esforzo institucional por visibilizar o traballo de coidados, así como o aumento dos recursos destinados polos gobernos galego e español a atención á dependencia. Aliás, desde o Bloque reclaman tamén un maior compromiso por parte do Goberno municipal ao que instan a poñer en marcha –en colaboración con outras administracións– un Plan Municipal de Apoio aos Coidados, a reforzar os programas e servizos que xa presta o Concello en materia de atención á dependencia e a desenvolver campañas de sensibilización destinadas a concienciar sobre a necesidade de facer dos coidados "unha tarefa social, do conxunto da sociedade".
 

O BNG leva a reivindicación feminista sobre o traballo de coidados ao Pleno de Vigo