O BNG alerta de que medio Vigo leva 2 semanas en risco polo peche do parque de bombeiros de Coruxo

A fronte nacionalista tacha de "fume propagandístico" os anuncios do Goberno de Abel Caballero e urxe medidas para garantir o mínimo de 20 bombeiros por xornada

Propón convenios con outros concellos e administracións para o uso das listas de reserva de persoal interino e temporal que permitan reforzar o servizo no inmediato 

Xabier P. Igrexas: “Xa abonda de escusas, é o momento de tomar decisións en favor da seguridade de toda a veciñanza porque Vigo sen bombeiros non é segura”

O BNG alerta de que medio Vigo leva 2 semanas en risco polo peche do parque de bombeiros de Coruxo

O Bloque Nacionalista Galego alerta de que medio Vigo leva 2 semanas en risco polo peche do parque de bombeiros de Coruxo por causa da falla de persoal. A fronte nacionalista tacha de "fume propagandístico" os anuncios do Goberno de Abel Caballero e urxe medidas para garantir o mínimo de 20 bombeiros por xornada.

“O parque de bombeiros de Coruxo non é unha dotación auxiliar do parque de Teis, senón o parque asignado a unha das dúas zonas nas que se divide a nivel operativo a cidade”, subliñou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertindo de que a seguridade se ve comprometida cada día que permanece pechado un dos parques por aumentar de forma “perigosa” os tempos de resposta ante situacións de emerxencia.

Igrexas reclamou explicacións do Goberno municipal sobre as medidas que vai adoptar para asegurar o persoal necesario neste servizo esencial durante o verán. Rexeitou nese sentido o “intento de pechar en falso o conflito” por parte de Caballero, con anuncios que lamentou non achegan solucións reais para garantir a dotación mínima de bombeiros que, no período estival, se vai agravar polo desfrute do lexítimo dereito a vacacións do persoal.

Así, o portavoz municipal nacionalista reiterou que as 40 prazas anunciadas nas últimas semanas van ser insuficientes, pois con estas incorporacións a cidade vai rematar igualmente o ano con 5 bombeiros menos dos actuais polas xubilacións previstas do persoal, tal e como teñen advertido as forzas sindicais. 

Por este motivo, dende o BNG veñen de propoñer convenios con outros concellos e administración para a cesión e uso recíproco das listas de reservas de persoal interino e persoal, diante da falla de listas de contratación en Vigo. Unha vía que, asegurou Igrexas, é perfectamente legal e permitiría realizar contratacións no inmediato a cargo da Oferta Pública de Emprego de 2024 malia que aínda estea sen aprobar.

“O único que non pode facer o desgoberno de Abel Caballero é insistir na estratexia da avestruz, negándose a enfrontar o problema e a procurar solucións”, lamentou o portavoz do Bloque. “Xa abonda de escusas, é o momento de tomar decisións en favor da seguridade de toda a veciñanza porque Vigo sen bombeiros non é segura”, demandou. 

O BNG alerta de que medio Vigo leva 2 semanas en risco polo peche do parque de bombeiros de Coruxo