O BNG amosa a súa solidariedade cos traballadores despedidos e en folga de fame de Citröen
A dirección de Citroën impediu de novo o acceso a unha delegación do BNG composta por Olaia Fernández Davila, deputada no congreso; Iolanda Veloso, voceira do grupo municipal do BNG; Santiago Dominguez e Xabier Alonso, concelleiros e Manuel Caride, responsábel comarcal do BNG. Esta delegación pretendía ter un encontro cos traballadores en folga de fame desde hai unha semana, para informarse do seu estado e trasladarlles o apoio e solidariedade do BNG nas súas reivindicacións.
Olaia Fernández Davila anunciou que o BNG vai presentar iniciativas nas institucións nas que ten presenza: Parlamento Galego, Concello de Vigo e Congreso dos Deputados, na defensa do dereito ao posto de traballo e a non ser represaliados por cuestións ideolóxicas.
A deputada nacionalista criticou a pasividade da Xunta de Galicia, administración competente en materia laboral, que debería mediar neste conflito e buscar solucións a estes despedimentos e a esta situación de folga, máis tendo en conta a enorme cantidade de fondos públicos que esta empresa recibe
Tamén denunciou a deputada do BNG a actitude antidemocrática da dirección de Citroën, que impide o acceso non só a persoas que representan a cidadanía, senón que mesmo llo dificulta aos familiares dos traballadores en folga de fame e que exerce a represión ideolóxica contra aqueles que defenden os dereitos dos traballadores e traballadoras, tentando dificultar o traballo dos representantes do sindicalismo nacionalista na factoría
Por último, Olaia Fernández denunciou actuacións represivas por parte das empresas en relación co sindicalismo que nos lembran uns tempos que pensabamos que non íamos volver a padecer, o que demostra a involución social e laboral que estamos a padecer.