O BNG reclama á Xunta e ao alcalde a mediación no conflito laboral de Citroën e na inmediata readmis
A voceira do Grupo Municipal do BNG, Iolanda Veloso, presentou este xoves unha moción na que insta á Xunta de Galicia e ao alcalde de Vigo á mediación no conflito laboral que se está a vivir na planta de PSA Peugeot Citroën, esixindo á empresa a inmediata readmisión dos dous traballadores despedidos.
O grupo municipal lembrou que 1 de xullo dous traballadores da fábrica iniciaron unha folga de fame en protesta polos despedimentos inxustos e sen precedentes na historia da factoría de dous traballadores. O despedimento fulminante destes dous traballadores, sen existir sancións nin apercibimentos previos e baseándose en acusacións rexeitadas polos despedidos e máis pola CIG, así como a imposibilidade de diálogo coa empresa provocou que a sección sindical do sindicato nacionalista anunciara a súa intención de non abandonar a protesta até que a dirección non dea marcha atrás na súa decisión.
Por outra banda, a portavoz nacionalista considera que esta decisión empresarial senta un precedente na relación cos traballadores e traballadoras especialmente grave nun momento no que as cifras de desemprego son históricas na nosa cidade e que Citroën, considerada un dos piares básicos da economía galega e o nicho de emprego máis importante da cidade de Vigo, debería ser un referente de boas prácticas na garantía dos dereitos e condicións laborais para o resto do sector empresarial da cidade e do país, e evitar a precarización do emprego nunha conxuntura económica especialmente complicada.
Dado o importante peso económico e social que en Vigo ten Citroën, o BNG reclama a intervención e posicionamento de Xunta e Concello, xa que o grupo PSA Peugeot Citroën recibe grandes cantidades de cartos públicos como apoio das administracións neste momento de crise.
Iolanda Veloso puxo como exemplo o acordo do Consello da Xunta de setembro de 2012 de inxectar case 11 millón de euros no lanzamento dun novo vehículo eléctrico para promocionar a marca Galicia a nivel internacional, do que non se coñecen resultados, xa que as preguntas presentadas polo BNG no Parlamento galego sobre este asunto foron respostadas con xeneralidades sobre o apoio da Xunta á industria automobolística pero sen ningún dato concreto.
Tamén lembrou a voceira municipal o convenio que o Concello de Vigo aproba anualmente con esta empresa, dedicando 250.000 euros para a promoción de emprego, mentres que os despedimentos e a precarización son unha realidade que alcanza a súa expresión máis extrema na situación que se está a vivir nestes momentos, e que abre a porta á volta a unhas relacións laborais máis parecidas ás dos anos 70 ou 80 do século pasado que ás que deberían existir a día de hoxe.