O BNG apoia as reivindicacións das ‘Enfermeiras sen cadeas’ e urxe unha mudanza radical na política sanitaria

Encontro co Colectivo ‘Enfermeiras sen cadeas’
Encontro co colectivo ‘Enfermeiras sen cadeas’

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, e a deputada, Montse Prado, mantiveron un encontro con este colectivo e expresaron o seu apoio á demanda de máis persoal e mellores condicións laborais no ámbito sanitario.  

Prado anunciou que promoverán varias propostas de resolución no Debate do Estado da Nación que se realizará esta semana no Parlamento de Galiza, pedindo a fin dos recortes, da precariedade e da privatización sanitaria.

Igrexas demandou un “xiro de 180º” para que a Xunta do PP deixe de xogar coa saúde das persoas.

O BNG apoia as reivindicacións das ‘Enfermeiras sen cadeas’ e urxe unha mudanza radical na política sanitaria

O BNG mantivo esta mañá un encontro co colectivo “Enfermeiras Sen Cadeas” que leva meses a mobilizarse en contra das condicións de “case escravitude” que o Sergas lles está a impoñer. Na xuntanza, na que tomaron parte o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada no Parlamento galego, Montse Prado, as nacionalistas expresaron o seu completo apoio ás reivindicación do colectivo da enfermería.

As representantes de “Enfermeiras Sen Cadeas” debullaron a penosa situación que padecen, marcada pola eventualidade cun réxime de chamamentos que impide a conciliación familiar, por non teren horarios programados e a extensión das xornadas, e que agravará o chamado “contrato de continuidade”. Aliás, as enfermeiras denuncian que a eventualidade forza a rotación do persoal asignando a persoas con escasa experiencia a labores críticas como a atención a quirófanos ou o servizo de neonatoloxía.

Ao remate da xuntanza, Igrexas salientou que a área sanitaria de Vigo está a padecer con especial intensidade os efectos das políticas sanitarias do PP. “É claro que fixeron de Vigo e a súa área o banco de probas do seu proxecto de desmantelar a sanidade pública”, advertiu. O edil nacionalista criticou a rolda de “paseos de conselleiros e conselleiras” pola cidade olívica, coa que segundo Igrexas, o PP só procura “recuperar tono electoral”. “O que nos gostaría é que viñese a Vigo o conselleiro de Sanidade a escoitar ao persoal sanitario e sobre todo a tomar boa nota para emendar de maneira radical as súas políticas”, reclamou. Unha crítica na que aludiu de forma directa á nova Delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, afirmando que “en lugar de se poñer de maneira demagóxica a camisola do Celta, o que debía facer era poñer a camisola en defensa da sanidade pública e pedirlle ao seu propio goberno que cesen os recortes”.

Resolucións no Parlamento

Pola súa banda, Prado incluíu a situación límite que se vive neste colectivo dentro do conxunto da política de desmantelamento e privatización que o Partido Popular aplica en contra da sanidade pública galega. “Esta situación non é unha plaga biblíca, responde a un deseño político de precarizar a sanidade pública para beneficiar o negocio da privada”, afirmou.

A deputada anunciou que a fronte nacionalista fará valer esta cuestión no debate do Estado da Nación que terá lugar esta mesma semana no Parlamento de Galiza. Farano a través de varias propostas de resolución nas que reclamaran o rescate público da área sanitaria de  Vigo, a fin dos recortes de persoal e da precariedade que padece o persoal sanitario ou a recuperación dos dereitos que lle foron recortados nos últimos anos.

Prado subliñou que para alén da reivindicación dunhas condicións laborais xustas e dignas para o persoal, o que está en xogo é a calidade asistencial. “Nestas condicións, e a pesar do enorme sobreesforzo que está a facer o persoal sanitario, que está a poñer todo da súa parte, non se garante a atención sanitaria de calidade que merecemos e por iso desde o BNG seguiremos a esixir o noso dereito a unha sanidade pública, galega, universal, gratuíta e de calidade”, concluíu.

O BNG apoia as reivindicacións das ‘Enfermeiras sen cadeas’ e urxe unha mudanza radical na política sanitaria