O BNG de Vigo leva ao Pleno unha moción para fortalecer o sector da automoción e confrontar a precariedade laboral

Xabier P. Igrexas presentando a moción para fortalecer o sector da automoción e confrontar a precariedade laboral

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, retruca ao director de PSA que o futuro do sector non pode pasar “nin por máis precariedade, nin por peores salarios”.   

O texto da moción foi proposto pola federación de Industria da CIG e quere dar resposta aos principais reptos de futuro da automoción.

O BNG de Vigo leva ao Pleno unha moción para fortalecer o sector da automoción e confrontar a precariedade laboral

A moción que o Bloque Nacionalista Galego presenta para o seu debate no Pleno municipal do Concello de Vigo que se celebrará mañá recolle o texto proposto pola federación de Industria da CIG. A moción contén unha ampla batería de iniciativas e accións para fortalecer a automoción pero confrontar tamén a crecente precariedade laboral no sector.

Resposta ao director de PSA

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, iniciou a presentación pública da moción, nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, respostando as declaracións do director da factoría de PSA en Vigo, Ignacio Bueno, nas que reclamaba contención salarial e máis flexibilidade laboral. “O futuro da automoción, que é un sector estratéxico para Vigo e para a economía galega, en ningún caso pode pasar por máis precariedade laboral, nin por empobrecer os salarios. A competitividade non pode vir de facer que os traballadores e traballadores de PSA fagan máis por menos”, retrucou

O edil nacionalista subliñou tamén a crecente precariedade que se vive no sector e lembrou que son “os e as operarias, quen co seu traballo duro xeran a riqueza e producen os zumentos beneficios que PSA obtivo o pasado ano”.

Propostas

A moción da CIG que o BNG “asume integramente como propia”, aborda os principais reptos de futuro que encara a automoción. Entre eles, Igrexas enumerou a crise do diésel, os novos formatos de vehículo eléctrico, autónomo ou híbridos a gas. Porén, tamén salientou o necesario rexuvenecemento do cadro de persoal “nunha actividade que esixe un importante esforzo físico” e a necesidade de adecuar a formación profesional ás necesidades da chamada industria 4.0.

O texto propón sete medidas concretas. Entre elas salienta a creación dunha tarifa eléctrica industrial galega, que permita rebaixar os custos enerxéticos facendo valer a vantaxe competitiva de ser Galiza un produtor neto de electricidade. “Se queremos rebaixar custes que non sexa empobrecendo salarios, senón poñendo a enerxía que se produce no noso País ao servizo dos nosos sectores produtivos”, defendeu Igrexas.

O BNG solicita tamén o restabelecemento do dereito a xubilación parcial aos 60 ou 61 anos para todos e todas as traballadores e a aplicación de coeficientes redutores. Propoñen que a  Xunta  oriente a formación profesional pública para atender a “nova revolución industrial”.

Despois de denunciar a carencia dunha verdadeira política industrial por parte da Xunta do PP, a quen Igrexas responsabiliza da “desertización produtiva” de Vigo e a súa comarca, o portavoz nacionalista aposta, tal e como se recolle no texto, pola creación dunha Mesa galega da automoción e a elaboración dun Plan galego para a industria da automoción, que potencie a innovación e a produción de maior valor engadido.

Aliás, a moción do Bloque demanda un compromiso de todo o sector da automoción de non afondar na precariedade laboral, pedindo expresamente que se acabe co abuso da contratación das empresas multiservizos, ETTs e centros especiais de emprego, que están a ser utilizadas para empobrecer salarios e rebaixar condicións laborais. Nese mesmo sentido, o texto tamén defende que se aplique o convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores e traballadoras do sector, para garantir que “un mesmo traballo se realiza con igualdade de condicións e de salario”. 

O BNG de Vigo leva ao Pleno unha moción para fortalecer o sector da automoción e confrontar a precariedade laboral