O BNG logra o apoio do Pleno para condenar o xenocidio na Palestina e declarar Netanyahu persoa non grata en Vigo
A iniciativa nacionalista insta a que o Goberno español efectivice o embargo de armas, e pide a ruptura de relacións comerciais e diplomáticas con Israel e axuda humanitaria por parte de todas as administracións
Xabier P. Igrexas: "Esta moción é unha oportunidade para poder colocarnos todas e todos no lado correcto da Historia, cun acto de decencia humanitaria fronte ao terror, de dignidade fronte á barbarie"
O BNG logrou este luns o apoio do Pleno a unha moción na que a fronte nacionalista demandaba condenar en nome da cidade as “accións xenocidas” do Estado de Israel na faixa de Gaza e esixir medidas concretas ante o masacre e catástrofe humanitaria que padece o pobo palestino.
Así, cos votos a prol das nacionalistas e do grupo socialista, o Pleno declarou Benjamin Netanyahu e o seu goberno persoas non gratas pola súa responsabilidade no xenocidio en curso. A iniciativa do BNG insta tamén ao Goberno español a facer efectivo o embargo total de armas, acordado no Congreso, así como a ruptura de relacións comerciais e diplomáticas con Israel.
"Esta moción é unha oportunidade para colocarnos todas e todos no lado correcto da Historia"
— BNG Vigo #VigoMáisAlá ✊🏼 (@bngvigo) May 26, 2025
Así defendeu o noso portavoz @contradiscurso a moción aprobada polo Pleno de #Vigo urxindo accións fronte ao xenocidio na Palestina pic.twitter.com/xcR5NLWcnk
Por outro lado, a moción demanda aos Gobernos galego e municipal que suspendan toda cooperación con Israel, directa ou indirecta, e tamén calquera contrato público con empresas ligadas á industria militar israelí. Aliás, compromete a ambas administracións ao envío de axuda humanitaria.
"O BNG facemos un chamamento con esta moción a todas as institucións para actuar con firmeza e lograr un cesar-o-fogo inmediato e definitivo e a apertura de corredores humanitarios, como primeiros pasos para poñer fin a tanto sufrimento inxusto", defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, na sesión plenaria.
"Esta moción é unha oportunidade para poder colocarnos todas e todos no lado correcto da Historia, cun acto de decencia humanitaria fronte ao terror, de dignidade fronte á barbarie; unha oportunidade, permítanme, para eu poder mirar aos ollos ao meu fillo e á miña filla e poder dicirlles con orgullo que o seu concello non permaneceu calado mentres cada día asasinaban a nenas e nenos como eles en Palestina", remachou.
