O BNG reclama axilizar os permisos das festas veciñais en Vigo para evitar a “incerteza” de anos anteriores
A fronte nacionalista urxe resolver as situacións “lamentábeis” onde as entidades organizadoras recibiron as autorizacións apenas horas antes do evento ou con el iniciado
Xabier P. Igrexas: “O Concello debera facilitar as xestións en lugar de ser un atranco burocrático para eventos públicos organizados por entidades sen ánimo de lucro”
O Bloque Nacionalista Galego reclama axilizar os permisos e autorizacións do Concello para os eventos veciñais, festas populares e actos públicos organizados polo tecido asociativo de Vigo. Así o demandou este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, chamando a evitar as “situacións lamentábeis e de incerteza” que viviron as entidades organizadoras en anos anteriores cando recibiron as autorizacións apenas horas antes do evento ou con el xa iniciado.
Igrexas denunciou o exemplo do Terraceo, un programa alentado polo propio Concello, que non pode organizar os concertos na terraza do auditorio Mar de Vigo por carecer dos permisos necesarios. “Este caso é só a punta do iceberg”, lamentou o portavoz nacionalista, lembrando que o pasado ano se sucederon situacións similares.
Nese sentido, criticou o sucedido con moitas das asociacións que promovían as fogueiras de San Xoán, que viviron a “angustia” de non contar coa autorización da área municipal de Seguridade a pesar de ter realizado as solicitudes en “tempo e forma”. Aliás, as entidades organizadoras do Orgullo LGBT de 2023 recibiron poucas horas antes a comunicación de que a duración dos actos tiña que ser recortada sen máis xustificación.
“Estamos diante dunha evidencia máis da absoluta incapacidade na xestión do Goberno de Abel Caballero, que incumpre os seus propios prazos e que impón a violencia administrativa”, subliñou o portavoz nacionalista, urxindo a que o Concello facilite as xestións con “procedementos claros evitando requirimentos arbitrarios que só engaden dificultades e incertezas”.
“A burocracia do Goberno municipal ten que deixar de ser un atranco burocrático para a realización destes eventos públicos, organizados na súa maioría por entidades sen ánimo de lucro”, remachou.