O BNG de Vigo agarda que a Xustiza poña luz na “chanchullada escura” que envolve o patrocinio frustrado do concerto de Guns N’ Roses
A fronte nacionalista agarda que o proceso xudicial que se vén de iniciar permita aclarar até o final o escándalo levantando a “xigantesca alfombra de mentiras e falsidades” coa que o Goberno de Abel Caballero tentou tapalo
Lembran que foi a “firme acción política” do BNG a que permitiu coñecer a existencia e contido da carta de interese emitida pola concellaría de Festas comprometendo de maneira irregular un patrocinio de case 2 millóns de euros
Após a decisión do Xulgado de admitir a trámite a demanda presentada pola promotora do concerto de Guns N’ Roses en contra do Concello de Vigo, por causa do patrocinio publicitario comprometido de maneira irregular polo Goberno municipal de Abel Caballero, desde o Bloque Nacionalista Galego agardan que o proceso xudicial aberto permita aclarar até o final este escándalo.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, desexou que “a Xustiza poida poñer luz na chanchullada escura que envolve a xestión que o Goberno de Caballero fixo do concerto de Guns N’ Roses”. “Despois de que o alcalde e o seu equipo mentisen reiteradamente, se negasen a dar explicacións e asumir responsabilidades como se lle esixiu nun Pleno extraordinario celebrado por iniciativa do BNG, agora vai ser un tribunal quen poña negro sobre branco o que pasou”, explicou.
Igrexas lembra que foi a “firme acción política” do BNG a que permitiu coñecer a existencia e contido da carta de interese emitida irregularmente por parte da concellaría de Festas e que, segundo advertira expresamente a Asesoría Xurídica do propio Concello, tiña o carácter dun precontrato formalizado de maneira allea aos procedementos legalmente previstos. Feito que deixou en evidencia que o concurso público convocado posteriormente e suspendido in extremis foi unha “simulación con bases ad hoc en favor da promotora do concerto de Guns N’ Roses”.
Momento da Xustiza
Para o portavoz municipal nacionalista non é momento de “sobreactuacións interesadas e partidistas nin de xogar ao canto peor mellor”. Neste sentido expresou o desexo de que “a “chanchullada” do Goberno de Caballero non acabe custando 2 millóns de euros ao Concello” ao tempo que anticipou que, en todo caso, o proceso xudicial ten que permitir aclarar “até o final e caia quen caia todo o que Goberno municipal tentou meter debaixo dunha xigantesca alfombra de falsidades e mentiras”.
“O BNG non imos defender os intereses dunha empresa privada senón que imos seguir defendendo o interese público das viguesas e vigueses que non merecen que o Goberno local xestione con xogos ilegais o diñeiro de todas e de todos”, remachou.
Desde a fronte nacionalista entenden que o que cómpre agora é agardar á resolución do proceso xudicial que se vén de abrir, mais advirten que en función do seu resultado actuarán “con toda a determinación para que se depuren as responsabilidades políticas sen desbotar ningunha vía”.