O BNG alerta do “caos urbanístico” en Vigo pola “permanente improvisación” do Goberno de Caballero co novo PXOM

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista advirte dos “graves riscos” de demorar dous meses a aprobación provisional, como anunciou o alcalde, tanto pola caducidade do IOP como pola fin da suspensión automática de licenzas

Xabier P. Igrexas: “O BNG esiximos que se informe publicamente antes do Pleno de cal é a proposta de ditame do Goberno ás máis de 4 mil alegacións veciñais ao Plan Xeral”

O BNG alerta do “caos urbanístico” en Vigo pola “permanente improvisación” do Goberno de Caballero co novo PXOM

O Bloque Nacionalista Galego alerta do “caos urbanístico” en Vigo pola “permanente improvisación” do Goberno de Abel Caballero na tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así o denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após anunciar este martes o alcalde que a aprobación provisional do documento será sometida a debate no Pleno nun prazo de dous meses.

Dende a fronte nacionalista advirten dos “graves riscos” que implica esta demora, tanto pola caducidade do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP) como pola fin da suspensión automática de licenzas en outubro. Afean ademais que Caballero fixera pública esta información pouco tempo despois da celebración do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, onde non se deu conta destas novidades. “Un exemplo máis do desprezo cara ás institucións e aos organismos nos que estamos representadas outras forzas políticas”, censurou Igrexas.

O portavoz nacionalista esixiulle ao Goberno municipal que rectifique para evitar que a cidade quede sumida na “incerteza” e na “falla de seguridade xurídica” en relación ao urbanismo. Así, pediu aclarar como se vai resolver a caducidade do IOP, que quedará sen efecto a partir do vindeiro 5 de outubro, tal como advertiu o Secretario Xeral do Pleno nun informe.

No mesmo sentido, alertou de que a mediados de outubro finaliza tamén a suspensión automática de licenzas, o que provocará que durante varias semanas (de manterse o prazo anunciado polo alcalde para a aprobación provisional) se poidan outorgar licenzas en base ao PXOM de 1993, incluso en parcelas onde existan contradicións ou cambios en relación ao novo documento.

Sen resposta ás miles de alegacións veciñais

Dende o BNG reiteraron a necesidade de que o Goberno municipal dea resposta dunha vez ás máis de 4 mil alegacións veciñais recibidas ao proxecto de Plan Xeral. Unha cuestión que trasladou o voceiro nacionalista no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, sen obter unha resposta precisa. “O BNG esiximos que se informe publicamente antes do Pleno de cal vai ser a proposta de ditame do Goberno”, reclamou Igrexas.

Cuestionou nese sentido a pretensión do Goberno local de resolver as alegacións unha vez aprobado o documento, tal como se desprende das declaracións da responsábel de Urbanismo. “A veciñanza e os colectivos sociais teñen dereito a saber que vai facer o Goberno municipal coas súas alegacións antes de que o PSOE pase o seu rodete no Pleno, como na aprobación inicial”, demandou o voceiro nacionalista, que insistiu na urxencia de sacar o novo Plan Xeral da “escuridade dos despachos” na que foi elaborado.

O BNG alerta do “caos urbanístico” en Vigo pola “permanente improvisación” do Goberno de Caballero co novo PXOM