O BNG de Vigo denuncia o aumento da “represión” do Goberno de Caballero contra o movemento veciñal
A fronte nacionalista advirte da pretensión de Abel Caballero de desaloxar de forma definitiva á Federación Veciñal do local que ocupou na Praza da Princesa dende 1994
Nunha xuntanza con representantes da FAVEC abordaron diferentes asuntos da actualidade local como a revisión das ordenanzas fiscais, a tramitación do novo PXOM e a elaboración dos orzamentos municipais do vindeiro ano
Xabier P. Igrexas: “Toda aquela entidade, colectivo e asociación que ousa discrepar do Goberno municipal sofre o castigo a través de distintas formas de violencia administrativa”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia un novo caso de represión do Goberno municipal contra o movemento veciñal de Vigo. Así, a fronte nacionalista advirte da pretensión de Abel Caballero de desaloxar de forma definitiva á Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (FAVEC) do local que ocupou na Praza da Princesa dende 1994.
“A FAVEC facía uso deste inmóbel a través dun convenio que continúa en vigor e onde o movemento veciñal tivo a súa gran casa durante moitos anos”, explicou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter este martes unha reunión xunto co concelleiro nacionalista, Filipe Abalde, con representantes da Federación Veciñal para abordar diferentes asuntos da actualidade local como a revisión das ordenanzas fiscais, a tramitación do novo PXOM e a elaboración dos orzamentos municipais do vindeiro ano
Igrexas asegurou que o BNG tivo coñecemento desta situación despois de acceder a un expediente municipal no que o Goberno local, nunha dilixencia asinada o pasado 28 de xullo, traslada a súa pretensión de destinar a totalidade das dependencias que ocupaba a FAVEC para albergar os servizos da Oficina de Rehabilitación da Xerencia Municipal de Urbanismo.
Unha decisión que, a xuízo do Bloque, se trata dunha “coartada falsa” do Goberno de Caballero para desaloxar definitivamente a FAVEC da súa sede histórica, despois de que tiveran que abandonala en outubro de 2021 por obras no edificio co compromiso de retornar pasados 13 meses.
“Este é un paso máis na escalada de brutal represión do Goberno municipal contra o tecido asociativo, nomeadamente contra entidades como a Federación Veciñal que non se someten aos ditados que se intentan impoñer”
O portavoz nacionalista chamou ao Goberno municipal a cesar na súa tentativa de desaloxo. Neste sentido, afirmou que existen suficientes inmóbeis de titularidade municipal para acoller servizos como a Oficina de Rehabilitación. “O que non se pode é desafiuzar o movemento veciñal de Vigo porque non está de acordo coas posicións de Abel Caballero”, censurou Igrexas, que lamentou que “toda aquela entidade, colectivo e asociación que ousa discrepar do Goberno municipal sofre o castigo a través de distintas formas de violencia administrativa”.
Acoso contra as asociacións
Por parte da FAVEC, a súa presidenta María Pérez agradeceu a oportunidade brindada polo BNG para ser a canle de participación veciñal que lles nega o Goberno municipal. Avanzou que, malia non ter local, a Federación Veciñal continúa traballando para ser a voz das asociacións da cidade. Puxo como exemplo a recente iniciativa de crear brigadas veciñais para denunciar o abandono dos barrios e parroquias. “Nuns días xa recibimos máis de 300 correos de todo Vigo”, asegurou.
Pérez salientou algúns dos asuntos tratados na xuntanza co Bloque, entre eles destacou a necesidade de que se dea resposta as máis de 4 mil alegacións formuladas ao novo PXOM. “Queremos transparencia, que non existe”, criticou. A presidenta da FAVEC pediu ademais ao Goberno municipal que deixe de acosar as asociacións que lles trasladan os problemas veciñais.