O BNG chama a converter o descontento en acción para construír “un novo Vigo entre todas e para todos”

Xabier P. Igrexas, abrindo o Debate Veciñal do Estado da Cidade
Xabier P. Igrexas, abrindo o Debate Veciñal do Estado da Cidade

A fronte nacionalista realizou un Debate Veciñal do Estado da Cidade no que participaron máis dun cento de activistas e referentes dos movementos sociais e o tecido asociativo

No encontro abordouse a necesidade dun cambio na cidade para atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses fronte a “inercia, a falla de xestión e o abandono dos barrios” do goberno de Caballero que reduce Vigo a un “parque temático para o seu autobombo”

Xabier P. Igrexas: “Hai quen quere facernos crer que nada pode cambiar, que todo vai seguir igual. Pero o mellor antídoto fronte a resignación paralizante é a certeza de que nada está escrito, de que Historia escribímola nós, entre todas e todos”

O BNG chama a converter o descontento en acción para construír “un novo Vigo entre todas e para todos”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo celebrou hoxe o “Debate Veciñal do Estado da Cidade”, diante da reiterada negativa por parte do alcalde, Abel Caballero, de celebrar ese debate no Pleno. Un encontro aberto coa cidadanía que tivo por obxectivo visibilizar a situación real de Vigo e construír colectivamente unha alternativa transformadora que dea resposta ás necesidades da veciñanza. 

Primeira pedra dun novo Vigo

O Debate Veciñal, que contou cun coloquio aberto coa cidadanía, foi presentado como “a primeira pedra do novo Vigo” que o BNG quere construír colectivamente. “Non podemos permitir que nos rouben a esperanza. A mudanza é posíbel, e temos que empurrala desde abaixo, coa forza imparábel da xente”, proclamou na súa intervención de apertura do Debate o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, chamando a transformar o descontento en acción para “abrir un tempo novo” na cidade.
“Hai quen quere facernos crer que nada pode cambiar, que todo vai seguir igual. Pero o mellor antídoto fronte a resignación paralizante é a certeza de que nada está escrito, de que Historia escribímola nós, entre todas e todos”, remarcou Igrexas.

O acto incluíu tres paneis nos que se abordaron as principais cuestións e necesidades da cidade. Nas mesas sobre política social e vivenda; transporte e medio ambiente; e participación, lingua e cultura, interviron Antón Bouzas (Os Ninguéns), Iria Nande (Plataforma Galega Vivenda Xa), Mariano Iglesias (da veciñanza da Privada Moderna), Serxio Regueira (Plataforma de Defensa da Ría), Roberto Estevez (portavoz de Bembrive en Pé), Xosé Sánchez (Salvemos a Barroca), Anxo Iglesias (AV Teis), Maite Fernández (A Cultural de Bouzas) e María Pérez (presidenta da FAVEC). 

Críticas á inercia e desatención do Concello
1
Mesa sobre política social e vivenda

Coincidindo co ecuador do mandato municipal, o portavoz do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou con firmeza a xestión do alcalde Abel Caballero, a quen acusou de “confundir unha lexítima maioría absoluta cun rexime absolutista” e de “converter a alcaldía da maior cidade galega nun meme permanente”. A iniciativa, que contou coa participación de máis dun cento activistas dos movementos sociais e representantes do tecido asociativo, busca “converter o descontento en acción” para impulsar, en palabras de Igrexas, “un Vigo máis habitábel, verde, xusto e igualitario con máis e mellores servizos públicos e que poña fin ao abandono total dos nosos barrios e parroquias”.

Igrexas denunciou que nestes dous anos de mandato, Caballero “erixiuse no emperador espido”, negándose a debater, fuxindo das preguntas da prensa e silenciando as voces críticas. “Un alcalde que presume de falar con todo o mundo, pero que só conversa co seu reflexo no espello”, afirmou, criticando a actitude soberbia do rexedor, que despreza as demandas da cidadanía, como exemplifica a reacción airada do rexedor diante das demandas dunha veciña pola situación ruinosa das instalacións deportivas. O portavoz nacionalista tamén reprobou a “covardía” do Goberno municipal por non convocar o Debate do Estado da Cidade, optando por un “acto clandestino” de autobombo no Auditorio Mar de Vigo.

Alternativa en positivo

Mesa sobre transporte e medio ambiente

O BNG propón unha alternativa “aberta, transformadora e en positivo” que poña fin á “inercia e esgotamento” do PSOE e á falta de propostas do PP, que “só actúa como brigada de propaganda da Xunta”. Entre as prioridades, Igrexas destacou a necesidade de reverter a “desertización cultural” da cidade, garantindo bibliotecas municipais en todos os barrios, apoiando o talento creativo e promovendo a lingua galega. No ámbito deportivo, criticou o abandono de instalacións como o ximnasio do Carme, o pavillón do Berbés ou a piscina de Teis, e cuestionou a prioridade de investir 60 millóns na ampliación do estadio de Balaídos mentres as pistas de atletismo están en estado ruinoso.

A fronte nacionalista tamén fai fincapé na defensa da sustentabilidade ambiental, rexeitando o “modelo de cidade gris, de cemento e asfalto” e os proxectos de macroviais como a PO-010 e nova autovía. O BNG propón coidar o río Lagares, os montes e o litoral, recuperando o areal de Samil en lugar de priorizar un novo paseo de formigón. Ademais, Igrexas denunciou a política de privatizacións, que destina “2 de cada 3 euros” do orzamento a grandes empresas, como no caso do servizo de autobús urbano, onde non se recuperaron as frecuencias recortadas desde a pandemia pero no que Vitrasa vén de recibir o “agasallo” de dous anos máis de concesión.

5
Mesa sobre participación, lingua e cultura

A nível social, o BNG demanda converter o Concello nun “parapetol” para atender a crecente pobreza e empobrecemento, nunha cidade na que 1 de cada 5 persoas está en risco de exclusión. Esixe tamén atender a “emerxencia habitacional”, cunha cidade con 22 mil vivendas baleiras mentres os alugueiros subiron un 50% en dez anos, obrigando a moitas familias e á mocidade a abandonar Vigo. Igrexas tamén criticou os recortes no Plan de Emprego municipal e a falta de recursos para combater a violencia machista, reclamando un Plan de Igualdade actualizado.

O BNG chama a converter o descontento en acción para construír “un novo Vigo entre todas e para todos”