O BNG chama ás viguesas a “pararlle os pés” á política sanitaria do PP participando na manifestación do 12F en Compostela
A fronte nacionalista anima a toda a veciñanza de Vigo e da súa área sanitaria a sumarse á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública este domingo sob o lema “Queremos a nosa atención primaria! Na defensa e mellora da sanidade pública”.
Montse Prado: “Hai alternativas e temos que forzar á Xunta do PP a rectificar as políticas coas que poñen en xogo a saúde e a vida das galegas e dos galegos”.
Xabier P. Igrexas: “Vigo fomos o banco de probas das nefastas políticas coas que o PP, a golpe de recortes e privatizacións, provocou un verdadeiro desastre sanitario en toda Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego fixo esta mañá un chamamento a toda a veciñanza de Vigo e do conxunto da súa área sanitaria a participar “masivamente” na manifestación nacional convocada para este domingo pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela, para “pararlle os pés” á nefasta política sanitaria aplicada polo PP desde a Xunta.
Nunha comparecencia pública, decorrida diante do Punto de Atención Continuada de Vigo --na que estivo acompañada polo concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas e a deputada, Carmela González--, a portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, denunciou a “constante política da Xunta do PP de acoso e derribo contra a sanidade pública en xeral , e da atención primaria en particular, para poñerlle a alfombra vermella á sanidade privada, a través de concertos millonarios, promovendo a contratación seguros privados e provocando o traslado de profesionais.
"Este domingo as rúas de Compostela teñen que ser un verdadeiro clamor esixindo unha rectificación ao Partido Popular para que a Atención Primaria volva ser o eixo vertebrador da sanidade pública", afirmou a deputada, salientando que é nos centros de saúde onde se atenden entre o 80 e o 90% das necesidades sanitarias da poboación.
Prado criticou con dureza a política de recortes aplicada polo Partido Popular desde a Xunta de Galiza e que se traduce no feito de que desde o ano 2009 a atención primaria veu diminuídos os seus recursos por volta de 200 millóns de euros cada exercicio, acumulando un total de 2.300 millóns de euros que deixaron de investirse no primeiro chanzo da atención sanitaria pública.
“O Partido Popular ten que deixar de xogar coa vida e a saúde da poboación”, esixiu Prado
Retallamentos que, segundo apuntou a deputada nacionalista, teñen un claro impacto na saúde das persoas, como demostra que haxa arestora 50 mil galegas e galegos con doenzas crónicas ou pluripatoloxías que non recibiron ningún tipo de asistencia nos últimos seis meses, así como nas listas de espera cronificadas para o acceso á medicina de familia e demoras “insoportábeis” nas probas diagnósticas e nas intervencións cirúrxicas.
“O Partido Popular ten que deixar de xogar coa vida e a saúde da poboación”, esixiu Prado, denunciando que no pasado 2022 a sobremortalidade en Galiza, segundo datos oficiais, foi de 3.300 persoas fronte ás 1.400 do ano 2020, en plena pandemia. Falecementos que serían consecuencia do empeoramento da calidade asistencial e da situación límite que atravesa a rede sanitaria pública.
Desde o BNG rexeitan as “ocorrencias e parches” do Partido Popular, como o feito de ter os PAC sen persoal médico ou medidas contraproducentes como atrasar a idade de xubilación dos e das facultativas. "Hai alternativas, principiando por aumentar o orzamento, incorporar persoal de novas especialidades, acabar coa precariedade que atinxe case ao 50% do persoal sanitario e que provoca a súa expulsión á emigración", contrapuxo Prado.
Vigo, banco de probas da desfeita sanitaria
De por parte, o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas fixo un chamado expreso a trasladar este domingo o “masivo rexeitamento contra as políticas sanitarias do PP que tomaron forma en mobilizacións inmensas” na cidade olívica até Compostela para empurrar un clamor incontestábel que obrigue á Xunta a un xiro de 180º.
“Vigo fomos o banco de probas das nefastas políticas coas que o PP, a golpe de recortes e privatizacións, provocou un verdadeiro desastre sanitario en toda Galiza”, denunciou, lembrando a imposición dun modelo privatizado para o Hospital Álvaro Cunqueiro, o desmantelamento parcial do Meixoeiro, o mantemento dunha atención de “dúas velocidades” polo concerto con Povisa, ou o colapso por falla de persoal que se vive nos centros de saúde na cidade e que se traslada saturando o PAC e as urxencias hospitalarias.
“O BNG o que esiximos é que as políticas da Xunta deixen de ser un grave risco para a saúde das viguesas e vigueses”, remachou Igrexas.