O BNG de Vigo urxe a retirada do alumeado de nadal das árbores

[Imaxe-@zonavigocentro]
[Imaxe-@zonavigocentro]

A fronte nacionalista critica o “desleixo e desprezo arboricida” do Goberno municipal por manter as luces instaladas un mes despois do seu apagado

Xabier P. Igrexas: “A piques de encetar o entroido, Abel Caballero continúa estrangulando as árbores da cidade co seu alumeado de nadal”

O BNG de Vigo urxe a retirada do alumeado de nadal das árbores

O Bloque Nacionalista vén de urxir ao Goberno municipal de Vigo a retirar o alumeado de nadal que continúa instalado no arboredo de diferentes puntos da cidade, como a Alameda, Colón ou Rosalía de Castro. A fronte nacionalista, reitera que estas instalacións vulneran as prohibicións da ordenanza municipal de medio ambiente do propio Concello.

O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que cando se vai cumprir un mes do seu apagado, as luces de nadal continúen penduradas de numerosas árbores da cidade.

Igrexas cargou contra o “desleixo e desprezo arboricida” do Goberno municipal de Abel Caballero, que explicaría esta situación “intolerábel e inxustificábel”

A fronte nacionalista leva anos a denunciar que a instalación de luces e outros ornamentos no arboredo vai en contra do previsto na ordenanza municipal de medio ambiente que, de maneira clara e taxativa, prohibe o pendurado de ningún tipo de elemento. “As árbores non son postes”, remarca Igrexas.

“A piques de encetar o entroido, Abel Caballero continúa estrangulando as árbores da cidade co seu alumeado de nadal”, conclúe o edil nacionalista.

O BNG de Vigo urxe a retirada do alumeado de nadal das árbores