O BNG propón unha Comisión de Seguimento das Obras para evitar o “caos” que se vive en moitas rúas de Vigo

Obras de humanización na Avenida Martínez Garrido
Obras na Avenida Martínez Garrido

A fronte nacionalista pide contar coa opinión do movemento veciñal, das organizacións sindicais e de persoas expertas para realizar un control exhaustivo dos traballos. 

Xabier P. Igrexas: “O BNG cremos que hai outra maneira de planificar para evitar o colapso do tránsito e que as obras se eternicen e produzan evidentes molestias”.

O BNG propón unha Comisión de Seguimento das Obras para evitar o “caos” que se vive en moitas rúas de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego propón unha Comisión de Seguimento da Obra Pública en Vigo diante da situación de “caos” que se vive en moitas rúas da cidade. A fronte nacionalista pide incorporar neste organismo ao movemento veciñal, ás organizacións sindicais e a persoas expertas co obxectivo de poñer fin ao colapso de numerosos ámbitos de Vigo, así como realizar un control exhaustivo que impida as habituais demoras que se producen na execución dos traballos.

“Hai que poñer racionalidade na xestión da obra pública e asegurar que as empresas adxudicatarias cumpren escrupulosamente tanto cos prazos como coas condicións nas que se ten que desenvolver”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de “nefasta” a planificación e xestión das obras por parte do Goberno municipal de Abel Caballero.

Obras na rúa Talude [Imaxe: Vigoalminuto]

Igrexas puxo como exemplo deste caos a situación na Avenida Martínez Garrido, onde nas últimas semanas veñen rexistrándose importantes retencións do tránsito por causa dos traballos para a humanización da rúa. Criticou tamén a paralización “inexplicábel” de obras como a instalación das escaleiras mecánicas na rúa Talude e que se dilaten proxectos como a humanización da Aragón, iniciada en 2012 e aínda pendente da última fase nunha rúa de apenas un quilómetro.
 

“O BNG cremos que hai outra maneira de planificar para evitar o colapso do tránsito e que as obras se eternicen e produzan evidentes molestias”, demandou o edil nacionalista. “Diante da incompetencia do Goberno local, cremos que é momento de sumar máis voces para poñer remedio a este caos”, subliñou Igrexas.
O BNG propón unha Comisión de Seguimento das Obras para evitar o “caos” que se vive en moitas rúas de Vigo