O BNG comprométese en Vigo a defender no Congreso o dereito das galegas e galegos a unhas pensións públicas dignas

DSC_0050
Olaia Fernández Davida e Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista expresa a súa vontade firme de tombar as reformas das pensións de 2011 e 2013 e demandar que se blinde o sistema público de pensións.

O BNG comprométese en Vigo a defender no Congreso o dereito das galegas e galegos a unhas pensións públicas dignas

O Bloque Nacionalista Galego mantivo un encontro esta mañá co Colectivo de Pensionistas e Xubilados/as da CIG, co obxecto de lles trasladar as propostas e alternativas da fronte nacionalista para garantir o dereito a unhas pensións públicas dignas. Na xuntanza tomaron parte a ex deputada no Congreso e integrante da candidatura do Bloque para os comicios do próximo 10N, Olaia Fernández Davila, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e membros da candidatura ao Congreso e o Senado pola circunscrición de Pontevedra.

Fernández Davila debullou as principais propostas do Bloque en materia de Seguridade Social e Pensións. Entre as medidas apostan pola transferencia das competencias para poñer en marcha unha Seguridade Social galega, a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013, reducindo a idade de xubilación até os 65 anos e facilitando a xubilación anticipada aos 61, e elevar a pensión mínima até equiparala progresivamente co Salario Mínimo Interprofesional. Aliás, Davila deixou claro que o BNG defenderá con firmeza a reversión dos recortes antisociais como o repagamento farmaceútico e esixirán a aplicación efectiva da Lei de Dependencia.

A ex deputada puxo en valor o "compromiso constante do BNG coas pensións públicas" e avogou porque tanto Xunta como o Goberno español tomen medidas para que as pensións galegas deixen de ser as segundas máis baixas de todo o Estado. "En definitiva, a presenza do BNG de novo no Congreso a partir do 10N será garantía da defensa dunhas pensións dignas para os traballadores e as traballadoras deste País", resumíu.

En relación ao futuro e viabilidade do sistema público de pensións, Davila reiterou que para o BNG é "intocábel" o actual sistema de solidariedade e que se for preciso asegurar a viabilidade económica da caixa das pensións "terá que complementarse con recursos dos orzamentos xerais do Estado" pero nunca aplicar recortes.

Desde o Bloque denuncian a falla de vontade política demostrada polas forzas políticas estatais que despois de moitos meses "demostráronse incapaces de garantir o dereito a un retiro en condicións dignas a quen leva toda a vida traballando".

 

O BNG comprométese en Vigo a defender no Congreso o dereito das galegas e galegos a unhas pensións públicas dignas