O BNG chama a concentrar o voto “inconformista” para facer valer Vigo con máis forza no Congreso
A fronte nacionalista apela as viguesas e vigueses que confiaron no Bloque nas pasadas municipais e galegas a renovar o seu apoio á “única candidatura galega” este 23X
Brais Ruanova: “Animamos a mocidade a que vexa no BNG unha garantía de que se van escoitar as súas necesidades, un voto fronte a máis paro, precariedade e emigración”
Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses xa saben o que poden esperar das forzas estatais que, de maneira reiterada, veñen ignorando os intereses da nosa cidade”
O Bloque Nacionalista Galego chama a concentrar o voto “inconformista” para facer valer Vigo con máis forza no Congreso este 23 de xullo. A fronte nacionalista apelou este sábado no Calvario a todas as viguesas e vigueses que confiaron no Bloque nas pasadas municipais e galegas a renovar a súa confianza na “única candidatura galega” nestas Eleccións Xerais.
“Nos 8 días que restan de campaña, o BNG imos seguir traballando para sumar máis apoios por un voto que vale dobre: un voto que fará que Vigo e Galiza conten con máis voz en Madrid e servirá para pararlles os pés á dereita ultra”, afirmou o candidato do BNG ao Congreso, Brais Ruanova, que realizou un reparto na peonil do Calvario acompañado de membros da candidatura nacionalista e do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Ruanova animou en particular á mocidade a que confíe no BNG como unha “garantía de que se van escoitar as súas necesidades”, e asegurou que apostar pola papeleta nacionalista será “un voto fronte a máis paro, precariedade e emigración, o único que ofrecen as forzas estatais”. Nese sentido, o candidato vigués urxiu alternativas para poñer fin ao “grave” problema de acceso á vivenda, nun momento no que o 90% das mozas e mozos menores de 30 anos da cidade non se poden emancipar, en boa medida polos prezos “desorbitados”.
“O BNG vemos este 23 de xullo como a grande oportunidade para facer que Vigo e Galiza conten en Madrid con moitas máis voces e con moita máis forza para defender os nosos intereses”, apelou Ruanova.
“Nada que esperar das forzas estatais”
O candidato nacionalista puxo como aval o traballo realizado durante a pasada lexislatura polo deputado do Bloque, Néstor Rego, reclamando a posta en marcha dun tren de cercanías na área de Vigo, axilizar a Saída Sur de alta velocidade, poñer fin a “navallada” da AP-9 en Teis, soterrar a VG-20 ou un plan de Reindustrialización e Reactivación produtiva, entre outras necesidades da cidade. “A todas estas medidas dixeron reiteradamente que non tanto PSOE como Unidas Podemos, agora Sumar”, reprochou.
No mesmo sentido, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou as viguesas e vigueses que “xa saben o que poden esperar das forzas estatais” que, asegurou, “insisten en ignorar e desatender as necesidades de Vigo e de Galiza como demostraron os sucesivos Gobernos españois duns e doutros”.
Referiouse tamén á candidata do PP, Ana Pastor, que esta mañá “paseaba” polo Calvario. “Foi corresponsábel de que sigamos a padecer a estafa da AP-9”, afeou Igrexas sobre o seu papel como ministra. “Se hoxe é menos estafa foi grazas a que o voto decisivo de Néstor Rego na investidura de Pedro Sánchez obrigou ao Goberno español a bonificar nun 50% as peaxes e a suprimir a peaxe de Chapela”, defendeu.
O portavoz municipal do BNG asegurou que o voto das viguesas e vigueses vai se “absolutamente chave” para frear o ascenso de PP e Vox o 23 de xullo. “Dende o Calvario, un barrio cunha histórica tradición antifascista, o BNG ratificamos a nosa firme determinación de sermos dique de contención contra a dereita ultraespañolista, como xa fixemos co noso voto decisivo hai catro anos”, salientou Igrexas.