O BNG pide cooperación dos Gobernos galego e español para blindar os fondos extraordinarios na automoción de Vigo
A fronte nacionalista defenderá no Parlamento galego a necesidade de acordos para garantir o seu futuro, evitando a deslocalización, o mantemento do emprego e a mellora das condicións laborais
Carmela González: “Cómpre que o PP e o PSOE deixen de usar de maneira partidista a automoción e traballen conxuntamente por este sector chave para a cidade e a súa área”
Xabier P. Igrexas: “O BNG denunciamos a frivolidade e a irresponsabilidade coas que Xunta e Goberno español están a responder ás dificultades da automoción viguesa”
O Bloque Nacionalista Galego pide cooperación dos Gobernos galego e español para blindar o acceso da industria da automoción de Vigo ao financiamento extraordinario público. A fronte nacionalista denuncia que o PP e o PSOE utilizan estes fondos como “arma arreboladiza” en lugar de traballar de forma conxunta para asegurar o futuro deste sector estratéxico para a cidade, a súa área e a economía galega.
“Este financiamento debe estar controlado para garantir que se destine de maneira efectiva a desenvolver a capacidade produtiva na Galiza, a evitar a deslocalización, a garantir o emprego e a mellorar as condicións laborais”, salientou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, que defenderá na Comisión de Industria, prevista para este martes, a necesaria colaboración da Xunta e do Goberno estatal para facilitar o acceso do sector a estes fondos públicos, tanto para a factoría matriz Stellantis como as auxiliares.
Ademais, a deputada nacionalista anunciou que reiterará a urxencia de constituír a Mesa Galega da Automoción —integrada por Ceaga, as forzas sindicais máis representativas e coa participacións da Xunta de Galiza, do Goberno español e das tres universidades galegas—que cualificou como primeiro paso cara a elaboración dun plan galego para a industria da automoción que apuntale o seu futuro.
González insistiu na aposta do BNG polo diálogo entre administracións para a continuidade dunha industria chave para Galiza polo seu peso en termos económicos e de emprego. “Cómpre que o PP e o PSOE traballen conxuntamente e deixen de usar de maneira partidista a automoción”, demandou a deputada nacionalista.
Irresponsabilidade de PP e PSOE
Nunha liña similar, o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou a “irresponsabilidade e frivolidade” coa que ambas forzas políticas estar a responder ás graves dificultades que atravesa o sector, que representa máis de 15 mil postos de traballo na área metropolitana.
“Limítanse a defender o indefendíbel, a intentar xustificar a evidente inacción tanto da Xunta, que ten plenas competencias en materia industrial, como do Goberno español, responsábel da distribución dos fondos europeos”, recriminou
O candidato nacionalista reiterou o compromiso do Bloque para asegurar que a automoción viguesa non queda excluída deste financiamento público extraordinario, tal como leva defendendo meses a propia portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. “A nosa aposta é decidida por blindar o futuro do sector en Vigo e Galiza”, afirmou Igrexas. “Trátase polo tanto de tomar medidas en lugar de utilizar como están intentando facer PP e PSOE, a automoción como refén da súa permanente lea partidista”, remachou.