O BNG critica que Caballero afogue economicamente o Orgullo LGBT mentres subvenciona con centos de miles de euros a Igrexa
A fronte nacionalista esixirá explicacións na Comisión de Igualdade pola retirada do apoio municipal aos actos do Orgullo LGBT e denuncia a exclusión da diversidade sexual das liñas de subvencións municipais
Denuncian que o pasado 2025 o Concello subvencionou con máis de 640.000 euros a Igrexa Católica fronte aos apenas 3.000 para a organización do Orgullo que agora retiran
Xabier P. Igrexas: “É vergoñento ver como Abel Caballero se desfai en colaboracións e axudas en favor da xerarquía da Igrexa mentres lle vira as costas ao Vigo diverso, plural e reivindicativo”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo criticou este xoves que a cidade vaia ficar este ano sen Festa do Orgullo LGBT pola falla de apoio do Concello, unha situación que atribúe directamente á decisión do Goberno municipal de retirar as axudas que viñan permitindo a organización desta celebración reivindicativa.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou de “indefendíbel” que o executivo de Abel Caballero eliminase a achega de 3 mil euros que recibían as entidades organizadoras do Orgullo ao tempo que mantén unha política de importantes subvencións e convenios coa Igrexa Católica.
“Que Vigo vaia ficar este ano sen Festa do Orgullo LGBT demostra que toda a sensibilidade do Goberno municipal en materia de liberdades sexuais e identidades é unha performance oca que se reduce a izar a bandeira arco da vella”, afirmou Igrexas.
O portavoz nacionalista lembrou que o Concello destinou durante o ano 2025 un total de 640 mil euros en subvencións e convenios á Igrexa Católica, incluíndo financiamento para actos relixiosos como procesións. “É indefendíbel que o mesmo Goberno que entrega centos de miles de euros á xerarquía eclesiástica retire unha miserenta axuda de 3.000 euros ao Orgullo LGBT”, reprochou.
Exclusión da diversidade
Desde a fronte nacionalista sinalan ademais que esta situación é consecuencia directa da decisión do Goberno municipal de excluír deliberadamente a atención á diversidade sexual e de xénero das liñas de subvencións da Concellería de Igualdade, unha cuestión que o BNG xa denunciara publicamente.
Por este motivo, Igrexas anunciou que reclamará explicacións e unha rectificación na vindeira Comisión Informativa de Igualdade. “Estamos diante dunha decisión inxusta que só contribúe a enfeblecer a cidade nun momento no que avanzan discursos reaccionarios e de odio alentados pola dereita ultra españolista”, advertiu Igrexas.
O portavoz do BNG reivindicou que Vigo é “unha cidade orgullosamente diversa” e sostivo que a defensa dos dereitos das persoas LGBT debe formar parte das responsabilidades institucionais do Concello. “Non hai escusa nin xustificación para que un Goberno que se di progresista acabe por afogar economicamente a celebración dos actos do Orgullo, que son unha referencia de loita pola igualdade no conxunto da Galiza”, asegurou.
Igrexas concluíu denunciando a contradición entre o discurso público do alcalde e as súas decisións políticas. “É vergoñento ver como Abel Caballero se desfai en colaboracións e axudas en favor da xerarquía da Igrexa mentres lle vira as costas ao Vigo diverso, plural e reivindicativo”, remachou.

