O BNG esixe rectificar o veto de Abel Caballero a comparecer no Pleno extraordinario polo caso Saltamontes

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa

A fronte nacionalista acusa de “desvío de poder e fraude de lei" a decisión do alcalde de Vigo de eliminar a súa intervención da orde do día da sesión convocada pola oposición

Advirte de posíbeis accións legais en caso de que o rexedor non rectifique

Xabier P. Igrexas: “O PSOE pasa de exercer o absolutismo a directamente avanzar nunha vertente autocrática, con Abel Caballero pasando de alcalde a autocoroarse emperador"

O BNG esixe rectificar o veto de Abel Caballero a comparecer no Pleno extraordinario polo caso Saltamontes

O Bloque Nacionalista Galego esixe ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que rectifique o seu veto a comparecer no Pleno extraordinario pola imputación da concelleira de Seguridade no accidente do Saltamontes. A fronte nacionalista vén de trasladar ao grupo municipal do PP a necesidade de formular un recurso de reposición fronte á decisión do rexedor de eliminar da orde do día a súa intervención na sesión convocada pola oposición, prevista para o 19 de xuño.

Así o anunciou este venres en rolda de prensa o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificando de “desvío de poder e fraude de lei" o veto do alcalde e advertindo de accións legais e de amparo en caso de que non rectifique. “Esta decisión ademais de vulnerar dereitos fundamentais podería incorrer nun delito de prevaricación administrativa”, afirmou o voceiro nacionalista.

Alertou de que esta “resolución arbitraria” do alcalde vai en contra da xurisprudencia consolidada do TSXG, do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional que, lembrou, determina que os dereitos das minorías forman parte do núcleo da función representativa dos concelleiros e concelleiras (artigo 23 da Constitución) e non poden ser neutralizados arbitrariamente polas maiorías.

“O PSOE de Vigo pasa de exercer o absolutismo a directamente avanzar nunha vertente autocrática, con Abel Caballero pasando de alcalde a autocoroarse emperador”, afeou Igrexas. “Eles deciden se se pode controlar a súa acción de Goberno, se dan ou non explicacións e se se someten ás preguntas da oposición”, reprochou en resposta ás declaracións enviadas este xoves, nun “desquiciado audio de 39 segundos”, polo voceiro do Goberno local, Carlos López Font.

Contrario ao Regulamento do Pleno

A ese respecto, o portavoz municipal do BNG alertou de que a decisión de eliminar a comparecencia da orde do día é contraria tamén ao propio Regulamento Orgánico do Pleno, no seu artigo 44, que estabelece que “a exclusión de dalgúns dos asuntos propostos deberá ser motivada, considerarase motivada cando a proposta de acordo se refira a un asunto para ao cal o Pleno carece de competencia”.

Igrexas defendeu que as explicacións do alcalde de Vigo ante a imputación da edil polo caso Saltamontes é “evidente que se trata dun asunto de absoluta competencia municipal”. Subliñou que, por este motivo, debe ser sometido á función de control e fiscalización que lle compete ao Pleno e non cabe a supresión dese punto da orde do día.

Cuestionou así que a comparecencia do alcalde se tramite como unha moción, que dependa do apoio maioritario do Pleno. Unha interpretación que, a xuízo da fronte nacionalista, supón deturpar o sentido do Pleno extraordinario como instrumento de control e de garantía para as minorías. “Non se sostén nin xurídica nin politicamente”, advertiu.

“Que ten que ocultar Abel Caballero?”

O portavoz municipal do Bloque cuestionou tamén os motivos do alcalde para eliminar a súa comparecencia. “Quen ten que ocultar Abel Caballero? Por que non quere dar a cara diante do Pleno? A que preguntas teme? Ou será que non quere defender nunha sesión pública, con posibilidade de réplica, a xestión da señora Rodríguez Calviño?”, interpelou.

Dende o BNG insistiron na necesidade de que o Goberno municipal dea explicacións após a morte dun veciño de Vigo en agosto de 2024. “Dende que se produciu o accidente do Saltamontes, levamos reclamándoas de maneira rotunda para aclarar porque se permitiu que unha atracción que non contaba con permiso puidese estar en funcionamento, e por que non se precintou ou inmobilizou a atracción”, lembrou Igrexas.

Lamentou que a única resposta neste tempo fose “un clamoroso e indigno silencio” e criticou os intentos da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, de endosar a responsabilidade primeiro á Comisión de Festas e despois á propia Policía Local, como vén de reiterar a edil de forma recente nas súas accións no ámbito xudicial.

Tras o “auto demoledor” no que se imputa a Rodríguez Calviño por, entre outros, un delito de homicidio imprudente, o Bloque reiterou esa demanda diante dos indicios que apuntan a unha xestión neglixente por parte do propio Goberno municipal no exercicio das súas competencias en materia de vixilancia e control.

Entre as esixencias, a fronte nacionalista demandou que o alcalde comparecese no Pleno de forma urxente e voluntaria ante o que cualificou como “un feito gravísimo e sen precedentes na historia da cidade”. Após a negativa de Caballero, o Bloque viuse na obriga de promover a convocatoria do Pleno extraordinario, que por esixencia regulamentaria ten que ser necesariamente dos dous grupos da oposición.

Unha sesión plenaria que, para o BNG, debe ter como primeiro punto a comparecencia do alcalde de Vigo, xunto co segundo punto de debate e votación de 3 acordos concretos: a demanda de cesamento da concelleira imputada, a creación dunha comisión especial de investigación para revisar todo o procedemento e adoptar medidas para que non volva pasar; e trasladar o pésame de maneira oficial á familia do veciño falecido no accidente.

O BNG esixe rectificar o veto de Abel Caballero a comparecer no Pleno extraordinario polo caso Saltamontes