O BNG critica a “nefasta xestión cultural” do Concello que case deixa Vigo fóra do programa estatal Platea
O portavoz da fronte nacionalista denuncia que a cidade estivo durante semanas excluída deste programa de artes escénicas, do que fai parte dende a súa creación, polo “desleixo” da Concellería de Cultura
Xabier P. Igrexas: “Corremos o risco real de ficar fóra da rede Platea por non atender debidamente un trámite, o que tería sido un golpe mortal para o programa Vigocultura”
O Bloque Nacionalista Galego critica a “nefasta xestión cultural” do Concello de Vigo que estivo a piques de deixar fóra Vigo do programa estatal Platea de artes escénicas. O concelleiro e portavoz da fronte nacionalista, Xabier P. Igrexas, denuncia que a cidade estivo durante semanas excluída deste programa -dependente do Ministerio de Cultura e do que fai parte dende a súa creación- polo “desleixo” da Concellería ao non remitir en tempo e forma a necesaria memoria de programación.
“Estamos diante dunha evidencia máis da nefasta política cultural deste Goberno municipal”, lamentou Igrexas, que esixiu explicacións do edil do ramo, Abel Losada, por estes feitos. “Como pode ser que por non atender debidamente un trámite, a cidade correu durante semanas o risco de ficar fóra deste importante programa?”, cuestionou.
O portavoz nacionalista explicou que esta exclusión tería suposto “un golpe mortal” ao único programa municipal estábel de artes escénicas, o Vigocultura
Finalmente, asegurou, foi posíbel subsanar in extremis a renovación da adhesión de Vigo ao programa Platea, que permite en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) o acceso a unha oferta de calidade do teatro feito en diversos puntos do Estado.
Porén, Igrexas insistiu en reclamar responsabilidades políticas pola “gravidade e o risco de ficar fóra simplemente porque non hai ninguén á fronte da Concellería de Cultura”. Nese sentido, reiterou a necesidade dun xiro de 180 graos nas políticas culturais do Concello, para que deixe de ser un “atranco” para ser un “potenciador do enorme talento creador que latexa en Vigo”.