O BNG critica que o novo conselleiro de Educación pretenda tapar o desleixo da Xunta perante o inicio de curso con “manipulación e mentiras”
A deputada, Alexandra Fernández, urxe unha rectificación na política da Consellaría após FOANPAS desmentir o falso acordo anunciado pola Xunta en materia de comedores.
Diante do rotundo desmentido emitido por FOANPAS do falso acordo que foi anunciado onte desde a Consellaría de Educación a respeito da apertura dos comedores escolares, o Bloque Nacionalista Galego criticou que a Xunta en lugar de atender as reivindicacións da comunidade educativa para garantir un inicio seguro do curso se dedique a mentir e manipular.
"Mal vai o novo conselleiro se o único que ten que ofrecer as ANPAs é unha política de manipulación e mentiras. Xa bastante mal o fixo a súa predecesora, que o único que tivo para ofrecer foi desidia e a inacción”, afirmou esta mañá a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, após participar na concentración en apoio á folga educativa decorrida no día de hoxe na cidade de Vigo. “Parece que o conselleiro quere tapar o desleixo dos últimos seis meses con mentira e improvisación”, enfatizou a deputada.
Fernández defendeu que a folla de ruta para solucionar a situación actual pasa por máis persoal, menos ratios e máis recursos. “A consellaría ten que rectificar a súa política e atender as reivindicacións da comunidade educativa para permitir un inicio de curso coa máxima seguridade", remachou.